A ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE CERVO CELEBRA A GRADUACIÓN DOS NENOS E NENAS QUE O VINDEIRO CURSO DARÁN O SALTO AO ‘COLE DOS MAIORES’
A Escola Infantil Municipal de Cervo celebrou este luns o seu tradicional acto de clausura de curso, unha xornada moi especial na que os nenos e nenas da escola foron os grandes protagonistas, con especial atención a 19 deles e delas que se despediron desta etapa para comezar o vindeiro curso unha nova aventura no ‘cole dos maiores’, e celebraron a súa graduación.
No acto de clausura do curso escolar 2025-26 foron protagonistas todas as crianzas, tamén as que continúan na Escola, que recibiron un medallón e un agasallo e participaron activamente na Festa
A Escola Infantil Municipal de Cervo celebrou este luns o seu tradicional acto de clausura de curso, unha xornada moi especial na que os nenos e nenas da escola foron os grandes protagonistas, con especial atención a 19 deles e delas que se despediron desta etapa para comezar o vindeiro curso unha nova aventura no ‘cole dos maiores’, e celebraron a súa graduación.
A celebración comezou no salón de actos, onde todos os nenos e nenas da escola puideron gozar da actuación de Pakolas, nunha proposta pensada especialmente para eles e que encheu a xornada de música, diversión e ilusión. As familias tamén participaron neste día tan especial, acompañando aos pequenos nun momento que marca o final dunha importante etapa.
A continuación tivo lugar o acto de clausura, no que os nenos e nenas recibiron un medallón e un agasallo, para dar paso ao acto central de graduación, no que os 19 nenos e nenas que o próximo curso continuarán a súa formación no colexio recibiron o seu merecido recoñecemento, nunha emotiva despedida compartida coa comunidade educativa e coas súas familias, con birrete e orla incluída.
A xornada rematou cunha merendola, que permitiu prolongar a celebración e compartir un último momento de convivencia antes do novo camiño que comezarán os ‘graduados’.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira Pilar Armada, que quixeron acompañar aos pequenos e pequenas neste día tan significativo.
A alcaldesa de Cervo, destacou que “é un día de moita emoción, porque vemos medrar aos nosos pequenos e pequenas e comprobamos como aqueles nenos e nenas que chegaron á escola sendo moi pequeniños están agora preparados para dar un paso máis”.
“Quero felicitar de corazón aos 19 nenos e nenas que este ano se “gradúan” e desexarlles toda a felicidade nesta nova etapa que comezan. Estamos seguras de que lles agardan moitas aprendizaxes, novas amizades e momentos inesquecibles no colexio”, sinalou.
A rexedora tamén quixo poñer en valor o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso polo equipo da Escola Infantil Municipal. “Quero agradecer profundamente o labor de todos/as os/as docentes e profesionais da escola, polo seu compromiso, cariño e dedicación diaria, así como ás familias pola súa confianza e pola súa implicación. Entre todos e todas facemos posible que os nosos nenos e nenas medren nun ambiente de afecto, seguridade e aprendizaxe”.
Desde o Concello de Cervo queren facer extensiva a felicitación a todos os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal, especialmente aos 19 que se despiden desta etapa. “Hoxe dicímoslles ata logo, porque esta sempre será unha parte importante da súa historia. Que medren felices, que sigan aprendendo e, sobre todo, que “nunca perdan esas ganas de descubrir o mundo que teñen agora”, concluíu a alcaldesa.