O CONCELLO DE CERVO ABRE ESTE SÁBADO AO PÚBLICO UN NOVO APARCADOIRO PÚBLICO EN SAN CIPRIÁN

aparcadoiro san ciprián

O novo servizo está situado na Avenida da Mariña e contará cun total de 35 prazas de estacionamento gratuítas

O Concello de Cervo abre mañá ao público un novo aparcadoiro público situado na Avenida da Mariña, en San Ciprián, que contará cun total de 35 prazas de estacionamento.

Días atrás, a alcaldesa, Dolores García Caramés, e o edil Alfredo Fernández achegáronse ata a zona para supervisar os traballos, que se executaron nunha parcela de 1.062 metros cadrados, nunha localización estratéxica moi próxima ao centro urbano.

O espazo foi acondicionado con zahorra compactada para garantir a funcionalidade e comodidade dos usuarios.

O obxectivo principal desta actuación, tal e como apuntou a rexedora, é mellorar a mobilidade e facilitar o estacionamento, especialmente durante a tempada alta, desconxestionando o centro da vila e reforzando así os servizos dispoñibles para veciños e visitantes.

Ademais –precisou– trátase dunha acción sustentable, ao aproveitar terreos xa dispoñibles e evitando intervencións máis agresivas.