O CONCELLO DE CERVO ACOLLE UN CURSO PARA A FORMACIÓN DE SOCORRISTAS ACUÁTICOS QUE CONTA CON MÁIS DE VINTE INSCRITOS
As xornadas de formación están organizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública, coa colaboración do Concello, e combinan 120 horas de formación teórica e práctica
O Concello de Cervo acolle estes días –do 4 de abril ao 30 de maio- un Curso de Formación Específica de Socorrismo en Instalacións e Espazos Acuáticos Naturais organizado pola AGASP, no que participan un total de 22 persoas procedentes de distintos municipios da Mariña.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro, Alfredo Fernández, visitaron aos participantes durante unha das sesións prácticas na contorna da praia do Torno, onde puido comprobar de primeira man o traballo que están a realizar os alumnos e alumnas, e tamén o equipo docente, dentro deste programa formativo.
O curso combina 120 horas de formación, repartidas entre contidos teóricos e prácticos, concentrados nas fins de semana, centrados na prevención de riscos, intervención e rescate acuático, primeiros auxilios e actuacións en emerxencias en espazos naturais e instalacións acuáticas.
Durante as prácticas, os participantes reciben formación específica en técnicas de rescate, uso de material de salvamento, primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar, manexo de desfibriladores, coordinación de emerxencias e actuacións en praias e piscinas.
A alcaldesa destacou “a importancia de que os concellos poidan acoller este tipo de iniciativas formativas, que ademais de ofrecer unha saída laboral moi demandada, contribúen a reforzar a seguridade nas nosas praias e piscinas durante a tempada de verán”.
A rexedora sinalou tamén que “é fundamental contar con profesionais ben preparados para actuar en situacións de emerxencia, e este curso ofrece unha formación moi completa e especializada para garantir unha atención rápida e eficaz”.
Unha vez rematada esta formación, os 22 participantes quedarán capacitados para traballar como socorristas tanto en piscinas como en praias e outros espazos acuáticos naturais, adquirindo coñecementos técnicos e prácticos fundamentais para desenvolver este labor con todas as garantías.
O programa inclúe tamén módulos específicos sobre organización do salvamento e socorrismo, prevención de accidentes, técnicas de comunicación, apoio psicolóxico en emerxencias e coordinación con outros recursos de seguridade e rescate.
Desde o Concello de Cervo valoran moi positivamente a celebración deste curso no municipio, tanto pola oportunidade formativa que supón para os participantes como pola repercusión positiva que ten para seguir promovendo a seguridade e a preparación profesional no ámbito do socorrismo acuático.