O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ O I CAMPUS DE SEMANA SANTA DE NATACIÓN ARTÍSTICA DO 28 DE MARZO AO 1 DE ABRIL
O concello de Cervo será sede do I Campus de Semana Santa de Natación Artística, unha iniciativa organizada pola Federación Galega de Natación, en colaboración coa administración local, dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2015 que estean federados nesta disciplina.
O campus desenvolverase do 28 de marzo ao 1 de abril na Piscina Municipal contará coa dirección técnica de Sandra Montes, ademais da participación de adestradores de alto nivel.
Na presentación do evento participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro de Deportes, David Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, e persoal municipal da instalación.
A alcaldesa destacou que “para nós é unha satisfacción que Cervo sexa sede deste primeiro Campus de Semana Santa de Natación Artística, unha actividade que permitirá aos mozos e mozas amantes desta disciplina adestrar e convivir no noso Concello e cun equipo técnico de primeiro nivel”.
A rexedora tamén puxo en valor as instalacións deportivas do municipio e o traballo de colaboración coas federacións deportivas, subliñando que “seguimos apostando por traer a Cervo eventos e actividades que fomenten o deporte base e que, ao mesmo tempo, contribúan a dinamizar o noso concello”.
O campus contará con 30 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. O custo total será de 365 euros por deportista, incluíndo pensión completa, sesións de adestramento e actividades recreativas durante toda a estancia.
Con esta iniciativa, o Concello de Cervo continúa reforzando a súa aposta pola organización de eventos deportivos e pola promoción do deporte base.