O CONCELLO DE CERVO APOIA AO ALUMNADO CERVENSE DO IES MONTE CASTELO PARTICIPANTE NUN INTERCAMBIO ERASMUS+ EN ROMANÍA
Os estudantes Martín, Alexia, Yaiza, Sabela e Erín, todos eles alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, atópanse estes días en Oradea en Transilvania (Romanía) participando nun intercambio enmarcado no proxecto Erasmus+ co que colabora o Concello de Cervo. Durante a súa estancia tiveron ocasión de visitar diferentes puntos de interese, entre eles a coñecida Salina de Turda, onde foi tomada unha das imaxes da actividade.
O Concello de Cervo quere poñer en valor a participación do alumnado cervense do IES Monte Castelo nun intercambio educativo do programa Erasmus+, unha experiencia internacional que está a permitir aos estudantes ampliar a súa formación académica, cultural e persoal a través da convivencia con alumnado doutros países europeos.
Os estudantes Martín, Alexia, Yaiza, Sabela e Erín, todos eles alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, atópanse estes días en Oradea en Transilvania (Romanía) participando nun intercambio enmarcado no proxecto Erasmus+ co que colabora o Concello de Cervo. Durante a súa estancia tiveron ocasión de visitar diferentes puntos de interese, entre eles a coñecida Salina de Turda, onde foi tomada esta imaxe que acompaña a nota.
O programa céntrase na adquisición de competencias fundamentais para a formación integral da mocidade, entre as que destacan a cidadanía activa e os valores democráticos, a sostibilidade medioambiental e cultural, a mellora das competencias lingüísticas e o desenvolvemento das habilidades sociais. Estes aspectos constitúen piares esenciais do proxecto e contribúen a preparar aos participantes para afrontar os retos dunha sociedade cada vez máis global e diversa.
Ademais da súa estancia en Romanía, os participantes tamén realizaron unha visita a Budapest e teñen previsto desprazarse esta fin de semana a Roma, completando así unha enriquecedora experiencia europea que lles permite coñecer outras realidades culturais, fortalecer a súa autonomía persoal e crear vínculos con estudantes doutros países.
Desde o Concello de Cervo destacan a importancia deste tipo de iniciativas, que contribúen a formar unha cidadanía máis aberta, participativa e comprometida cos valores europeos. Os intercambios internacionais favorecen a aprendizaxe de idiomas, a adquisición de novas competencias e o crecemento persoal dos mozos e mozas, ao tempo que reforzan a dimensión europea da educación e fomentan o respecto pola diversidade cultural.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, felicitou ao alumnado pola súa participación neste proxecto e animounos a aproveitar ao máximo esta oportunidade. “Experiencias como esta permiten medrar tanto no ámbito académico como no persoal. Anímovos a desfrutar desta aventura, a aprender doutras culturas, a compartir coñecementos e a representar con orgullo ao noso municipio. Son vivencias que deixan pegada para toda a vida e que contribúen a formar cidadáns máis preparados, responsables e comprometidos”, sinalou.
O Concello de Cervo reitera o seu apoio ás iniciativas educativas e de mobilidade internacional que contribúen á formación da mocidade cervense e á promoción dos valores de cooperación, convivencia, inclusión e cidadanía europea. Estes programas representan unha excelente oportunidade para que os mozos e mozas amplíen horizontes, adquiran novas ferramentas para o seu futuro e actúen como embaixadores do municipio máis aló das nosas fronteiras.