O CONCELLO DE CERVO APOSTA POLA RECUPERACIÓN DAS ANTIGAS ESCOLAS DA VENTA COMO ESPAZO DE ENCONTRO E CONVIVENCIA PARA A VECIÑANZA
O inmoble municipal está na actualidade cedido ao Club Medela MTB, pero prevese a adecuación dun anexo para facilitar a súa actividade tanto como espazo de almacenaxe como para a realización de adestramentos cando o precisen
O Concello de Cervo está a executar estes días as obras de integración paisaxística e mellora exterior das Antigas Escolas Públicas da Venta, en Gondrás, co obxectivo de seguir poñendo en valor os espazos municipais como lugares de encontro, convivencia e dinamización social para a veciñanza de cada parroquia.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou a obra, en compañía do concelleiro Alfredo Fernández, e do pedáneo da zona, Francisco Pinín, e de Abel Ordás, en representación do Club Medela MTB –que ten cedidas estas instalacións municipais- e destacou que “esta actuación forma parte da aposta continua do Concello por poñer en valor edificios municipais emblemáticos, recuperándoos como espazos de encontro e convivencia para a veciñanza, fortalecendo así a vida social, cultural e comunitaria de cada parroquia”.
Os traballos inclúen o saneamento e reparación integral das fachadas, afectadas por problemas xeneralizados de humidades, así como a reparación de desconchados e danos provocados por antigas instalacións e cableados. Todas as intervencións execútanse con morteiro de cal, respectando os materiais e a tipoloxía orixinal da edificación. Ademais, vaise proceder á demolición dun engadido alleo á construción inicial que xeraba un importante impacto visual.
A actuación complétase cunha renovación total do acabado exterior mediante pintura mineral ao silicato, elixindo cores integradas na paisaxe conforme á Guía de Cor e Materiais de Galicia. De xeito paralelo, tamén se contempla intervir no edificio anexo co obxectivo de dotar de uniformidade estética a todo o conxunto, e destinalo á actividade do Club Medela MTB.
Como se apuntou o edificio está cedido na actualidade a este club de ciclismo local, que destaca polo seu intenso traballo coa base desenvolvendo unha importante labor formativa con nenos e nenas da contorna, promovendo hábitos de vida saudables, o deporte ao aire libre e valores como o esforzo, o compañeirismo e o respecto polo medio natural.
Neste sentido, prevese adecuar unha das estancias do conxunto para que poida seguir sendo utilizada pola entidade tanto para almacenaxe de material como, incluso, para a realización de adestramentos no interior, o que permitirá reforzar a súa actividade ao longo de todo o ano e ofrecer mellores condicións para a formación dos máis novos.
A alcaldesa subliñou que “con este tipo de intervencións mellórase a imaxe das nosas parroquias e créanse espazos máis agradables, integrados na paisaxe e preparados para seguir sendo puntos de referencia para a veciñanza”.
O investimento total da actuación ascendeu a 46.310 euros, unha obra que foi sufragada integramente con fondos propios do Concello de Cervo, reafirmando así o compromiso municipal coa conservación do patrimonio público e coa mellora da calidade de vida da cidadanía.