O CONCELLO DE CERVO BONIFICA O 50% DO ICIO NA CONSTRUCIÓN DE NOVAS VIVENDAS E NA CREACIÓN DE EMPRESAS NO POLÍGONO
O pleno deste xoves aprobará unha rebaixa deste imposto para a construción de nova vivenda e para a creación de proxectos industriais e empresariais que se instalen ou amplíen a súa actividade no parque empresarial de Cuíña
O Concello de Cervo levará ao pleno deste xoves a aprobación dunha modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), destinada a facilitar que máis persoas poidan acceder á unha vivenda e a reforzar o apoio aos proxectos emprendedores e industriais que elixan o noso polígono para medrar.
A iniciativa contempla unha bonificación do 50% para as obras de nova construción destinadas a vivenda, xa sexan promovidas por particulares que van residir nelas ou por promotores que as poñan á venda. Trátase dunha medida que pretende facer máis accesible o proceso de creación de fogar, especialmente nun contexto no que asentarse con garantías segue a ser un desafío para moitas familias cervenses.
Ao mesmo tempo, a ordenanza incorpora bonificacións do 50% para actuacións no Polígono Industrial de Cuiña enfocadas á implantación, ampliación ou mellora de actividades económicas ou industriais, sempre que se promova a creación de emprego ou se contribúa a dinamizar a actividade económica local.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que esta modificación “busca estar ao lado das persoas que queren construír o seu proxecto de vida en Cervo, e tamén de quen decide emprender, innovar e xerar oportunidades no noso polígono”. Trátase así dunha aposta clara por un Cervo con máis posibilidades, máis futuro e máis estabilidade para quen quere vivir e traballar nel, afondou.
É evidente pois, con medidas como esta, o compromiso do Concello de Cervo co Polígono Industrial de Cuíña e co seu desenvolvemento. Mentres continuamos á espera de que a Deputación Provincial de Lugo reactive a execución do enlace directo do polígono coa N-642, unha infraestrutura esencial para o desenvolvemento económico do municipio e que permanece paralizada desde o ano 2007.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso con políticas que poñen ás persoas no centro, impulsando ferramentas, como esta bonificación que terá unha vixencia inicial de dous anos; e que facilitan o acceso á vivenda, fortalecen o tecido produtivo e contribúen a un Cervo máis activo e máis sostible social e economicamente.