O CONCELLO DE CERVO CELEBRA O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE CON DIVERSAS ACTIVIDADES COA COMUNIDADE EDUCATIVA

A alcaldesa destacou a importancia de implicar ás novas xeracións no coidado do medio ambiente: “É fundamental que os nenos e nenas comprendan desde pequenos que cada pequeno xesto conta á hora de protexer o noso entorno. Actividades como estas axudan a crear conciencia e a fomentar valores de respecto e responsabilidade cara á natureza”.

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun amplo programa de actividades dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio, co obxectivo de fomentar a concienciación ambiental e promover hábitos sostibles desde as idades máis temperás.

A xornada contou coa participación do alumnado de Educación Primaria do CEIP Península da Paz nunha actividade de limpeza da praia da Caosa, desenvolvida entre as 10:00 e as 12:00 horas. Esta iniciativa permitiu aos escolares coñecer de primeira man a importancia da conservación dos espazos naturais e da correcta xestión dos residuos.

Un dos momentos máis destacados da mañá produciuse durante a recollida de lixo na praia, cando os participantes localizaron unha corda de varios metros de lonxitude que permanecía soterrada na area. Grazas ao traballo conxunto do alumnado e dos acompañantes conseguiron extraela, sendo necesaria posteriormente a intervención do persoal municipal de Obras para cortala e retirala por completo. Un exemplo práctico que serviu para reflexionar sobre o impacto que determinados residuos poden ter nos ecosistemas costeiros.

Paralelamente, o alumnado de Educación Infantil deste centro participou en diferentes xogos e actividades didácticas relacionadas coa reciclaxe e a separación selectiva de residuos, organizadas en colaboración con Sogama.

No CEIP de Cervo, as actividades continuaron a partir das 12:30 horas cunha charla divulgativa adaptada ao alumnado de Infantil e cunha proposta educativa centrada na identificación de árbores e especies da contorna do río Xunco, fomentando así o coñecemento e o respecto polo patrimonio natural máis próximo.

Como recordo desta xornada e para seguir promovendo a educación ambiental tamén no fogar, o Concello entregou a cada participante un exemplar do libro "Os Bolechas e que se fai co lixo que chega a Sogama", unha publicación que achega aos máis pequenos o proceso de tratamento dos residuos e a importancia da reciclaxe e da correcta separación do lixo a través dunha linguaxe próxima e divertida.

Nas distintas actividades estiveron presentes a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro David Rodríguez, acompañando ao alumnado e participando nesta xornada de sensibilización ambiental.

A alcaldesa destacou a importancia de implicar ás novas xeracións no coidado do medio ambiente: “É fundamental que os nenos e nenas comprendan desde pequenos que cada pequeno xesto conta á hora de protexer o noso entorno. Actividades como estas axudan a crear conciencia e a fomentar valores de respecto e responsabilidade cara á natureza”.

A rexedora sinalou ademais que “a educación ambiental é unha ferramenta imprescindible para construír un futuro máis sostible, e por iso queremos complementar estas actividades cun agasallo educativo como o libro dos Bolechas, que lles permitirá seguir aprendendo sobre o medio ambiente dunha forma amena e adaptada á súa idade”.

García Caramés agradeceu tamén a colaboración dos centros educativos e de Sogama na organización da xornada. “A implicación da comunidade educativa é fundamental para o éxito destas iniciativas, que buscan formar cidadáns cada vez máis conscientes e comprometidos co seu entorno”.