O CONCELLO DE CERVO CELEBRARÁ O TRADICIONAL ENCONTRO DE PALILLEIRAS E FEIRA DE ARTESANÍA O SÁBADO 11 DE ABRIL

A xuntanza terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos 

As inscricións xa se poden facer na Casa da Cultura e a través do teléfono 629 91 22 39

 

O Concello de Cervo celebrará o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía o sábado 11 de abril, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián.

O evento foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, pola concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e por unha representación das palilleiras de San Ciprián, na Casa do Mar, no local que empregan habitualmente para desenvolver a súa actividade.

Con 19 edicións de traxectoria, o Encontro de Palilleiras é unha cita xa plenamente consolidada no calendario do municipio, coa finalidade de poñer en valor unha tradición artesanal de gran relevancia cultural, que se mantén viva grazas á paciencia, á dedicación e á creatividade das persoas que a practican.

Durante a xornada, as persoas asistentes poderán gozar da beleza dos traballos artesanais e ver en directo a destreza das palilleiras, contribuíndo así á conservación e á posta en valor dun oficio con gran tradición e séculos de historia.

O encontro complétase cunha Feira de Artesanía e conta coa colaboración da asociación Mulleres de San Ciprián.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Casa da Cultura de San Ciprián, no teléfono 982 595 157 ou 629 912 239, ou a través do correo electrónico casadacultura@concellodecervo.com. As prazas cubriranse ata completar aforo.