O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA NOVA EDICIÓN DE ARRUGUIÑAS, QUE SUPEROU O CENTENAR DE PARTICIPANTES

Arruguiñas naceu coa finalidade de promover un envellecemento activo e saudable, favorecendo a participación social, o benestar emocional e a autonomía das persoas maiores a través dun amplo abano de actividades adaptadas aos seus intereses e necesidades.

 

O Concello de Cervo clausurou unha nova edición do programa de envellecemento activo Arruguiñas, unha iniciativa gratuíta dirixida á veciñanza maior de 60 anos que reuniu ao longo do curso a máis dun centenar de participantes.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, as concelleiras Pilar Armada e Mali Méndez, e os edís Adrián Arias e Alfredo Fernández, fixeron entrega dos diplomas acreditativos ás persoas participantes. Ademais, como mostra de agradecemento pola súa implicación ao longo do ano, cada unha delas recibiu un tulipán amarelo de agasallo.

Arruguiñas naceu coa finalidade de promover un envellecemento activo e saudable, favorecendo a participación social, o benestar emocional e a autonomía das persoas maiores a través dun amplo abano de actividades adaptadas aos seus intereses e necesidades.

Ao longo desta edición desenvolvéronse sesións de exercicio físico “móvete” talleres de memoria, actividades de estimulación cognitiva e psicomotricidade “actívate”, talleres terapéuticos, charlas informativas ou iniciación a lingua de signos. Como novidade deste curso incorporáronse clases de inglés práctico orientadas a situacións cotiás, co obxectivo de facilitar a comunicación en contextos do día a día, especialmente durante as viaxes, nas compras ou en conversas sinxelas.

Durante a súa intervención, a alcaldesa quixo trasladar o seu agradecemento ás persoas participantes pola súa implicación e constancia. “A magnífica resposta que volveu ter Arruguiñas é a mellor demostración do interese da nosa veciñanza maior por seguir activa, aprendendo e compartindo experiencias. É unha satisfacción comprobar o éxito dunha iniciativa que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas participantes e que favorece tamén a creación de espazos de convivencia e relación social”, sinalou.

Dolores García Caramés tivo tamén palabras de recoñecemento para as monitoras encargadas de impartir as diferentes actividades, destacando “a súa profesionalidade, dedicación e cercanía, fundamentais para que o programa continúe medrando ano tras ano e manteña o elevado nivel de participación que o caracteriza”.

A rexedora anunciou, ademais, a vontade do Goberno local de dar continuidade ao programa. “Seguiremos apostando por Arruguiñas porque consideramos prioritario promover iniciativas que fomenten o envellecemento activo e o benestar da nosa xente maior”, concluíu.