O CONCELLO DE CERVO COLABORA COA ESCOLA DE ARTES MARCIAIS DE CERVO POLO SEU IMPORTANTE LABOR DEPORTIVO E FORMATIVO

O convenio, por importe de 3.000 euros, pon en valor o traballo da entidade e reforza o apoio municipal ao deporte local

 

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo, Miguel Ángel Rojo, mantiveron este mediodía un encontro de traballo no que abordaron diferentes temas, como o desenvolvemento das  diferentes actividades que a entidade ten previstas para os vindeiros meses, así como as necesidades e as liñas de colaboración de cara á consolidación desta disciplina deportiva no municipio. Ademais, tamén se aproveitou o transcurso desta reunión para formalizar un convenio de colaboración, entre o Concello e a Escola  por importe de 3.000 euros para este ano 2026.

A rexedora puxo en valor o traballo que realiza a entidade, destacando que “a Escola de Artes Marciais desenvolve unha labor extraordinaria, formando deportistas baseándose en valores como o esforzo, a disciplina e o respecto, situando a Cervo no epicentro das artes marciais, con cada evento que promoven no noso municipio”.

García Caramés subliñou ademais que este apoio económico forma parte dunha liña estable de colaboración do Concello co conxunto do tecido deportivo local: “Esta é unha partida que chega a todas as entidades e clubs do concello, porque entendemos o deporte como un piar fundamental pola súa importancia social, educativa e de saúde”.