O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A PARTICIPAR NA II MOSTRA DE CANTAREIRAS/OS ESTE PRÓXIMO SÁBADO

 A cita terá lugar o 11 de outubro no Salón de Actos do Concello, e enmárcase dentro do programa do 50 aniversario da Asociación Cultural Airiños do Xunco, poñendo en valor a tradición musical e cultural do noso territorio

 

 A cita terá lugar o 11 de outubro no Salón de Actos do Concello, e enmárcase dentro do programa do 50 aniversario da Asociación Cultural Airiños do Xunco, poñendo en valor a tradición musical e cultural do noso territorio

O Concello de Cervo convida á veciñanza e visitantes  a asistir á II Mostra de Cantareiras/os de Cervo, que se celebrará o sábado 11 de outubro ás 18:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello.

 Esta actividade forma parte dos actos conmemorativos do 50 aniversario de Airiños do Xunco, unha entidade de referencia no municipio e na comarca, que leva medio século traballando pola dinamización cultural e a preservación das tradicións musicais galegas .

 Na mostra participarán:

 A.C. Amado Lar (O Valadouro)

 A.C. Troula do Ortegal (Ortigueira)

 A.F. Arco da Vella (San Miguel de Reinante)

 Cordenaia (Cervo), as anfitrioas

Todas elas xuntaranse para ofrecer unha tarde chea de música tradicional galega e de reivindicación do papel das cantareiras/os na nosa cultura popular.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, que presentou a cita acompañada de Rafa, Isabel e Raquel Blas, e de Maite Rego, en representación de Airiños do Xunco, entidade organizadora xunto coa colaboración do Concello de Cervo,

destacou que “a posta en valor da cultura e das tradicións propias é unha ferramenta fundamental para fortalecer a identidade colectiva e para transmitir ás novas xeracións un patrimonio que é de todos e todas”.

 Quixo tamén recoñecer especialmente o papel de Airiños do Xunco, que ao longo destes 50 anos se converteu nun símbolo de compromiso, entrega e paixón pola música tradicional e pola cultura galega.

O Concello de Cervo anima a toda a cidadanía a participar nesta II Mostra, que promete ser unha celebración única da nosa música e do noso patrimonio cultural.