O CONCELLO DE CERVO CONVIDA Á VECIÑANZA E VISITANTES A GOZAR DAS FESTAS DE SAN ROMÁN DE VILAESTROFE ESTA PRÓXIMA FIN DE SEMANA
A cita celebrarase os días 10, 11 e 12 de outubro cun programa cheo de música e tradición
O Concello de Cervo convida á veciñanza e visitantes a participar nas Festas de San Román de Vilaestrofe, que terán lugar no pavillón de deportes da parroquia entre o venres 10 e o domingo 12 de outubro. As celebracións foron presentadas pola alcaldesa Dolores García Caramés, polo edil de Zona Rural Adrián Arias e por representantes da Comunidade de Montes de Vilaestrofe, entidade organizadora das festas coa colaboración do Concello.
O programa arrinca o venres 10 de outubro, ás 23:00 horas, cunha gran verbena amenizada polo grupo Los Key. O sábado 11 celebrarase ás 13:00 horas a misa solemne na honra da Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial de Cervo; a continuación terá lugar a sesión vermú co Grupo Fénix. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena contará coas actuacións da Orquesta Galilea e do Grupo Fénix. O domingo 12 de outubro, ás 13:00 horas, terá lugar a misa solemne na honra da Virxe do Pilar, tamén cantada polo Coro Parroquial de Cervo, e a festa continuará cunha sesión vermú prolongada co Dúo Belinda.
Desde o Concello de Cervo animan á cidadanía a achegarse á parroquia para compartir tres xornadas festivas que representan un momento moi especial para San Román de Vilaestrofe, pois contribúen a manter vivas as súas tradicións, fortalecen os lazos veciñais e consolidan o patrimonio cultural da parroquia e de todo o municipio.