O CONCELLO DE CERVO DÁ A BENVIDA AOS PARTICIPANTES NO II CAMPUS DE VERÁN DE WATERPOLO
No encontro, celebrado en San Ciprián, a rexedora estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, con quen compartiu uns intres cos participantes e co equipo técnico do campus.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, deu este mediodía a benvida aos rapaces e rapazas que participan no II Campus de Verán de Waterpolo, que se celebra ao longo desta semana nas instalacións da Piscina Municipal de Lieiro, da man da Federación Galega de Natación.
No encontro, celebrado en San Ciprián, a rexedora estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, con quen compartiu uns intres cos participantes e co equipo técnico do campus.
A alcaldesa agradeceu á Federación Galega de Natación a súa aposta por Cervo para desenvolver esta iniciativa, que combina deporte, formación e convivencia, e salientou a importancia de que este tipo de actividades contribúan a dinamizar o municipio durante a época estival.
Ademais das sesións específicas de adestramento de waterpolo, os rapaces e rapazas desfrutarán dun amplo programa de actividades complementarias para coñecer o municipio e aproveitar os seus recursos. Neste contexto, este venres participarán na actividade municipal de kaiak que se desenvolverá no peirao de San Ciprián, sumándose así á programación de lecer organizada polo Concello.
Desde o Concello de Cervo deséxanlles unha excelente semana, confiando en que, ademais de mellorar a súa formación deportiva, leven un magnífico recordo da súa estadía no municipio.