O CONCELLO DE CERVO DÁ UN PASO MÁIS EN MATERIA DE CONCILIACIÓN POÑENDO EN MARCHA O PROGRAMA CERVO MADRUGA

Ofrécese así un apoio ás familias nas primeiras horas do día en colaboración coas ANPAS dos dous colexios da localidade

As familias interesadas poden entregar as súas solicitudes aos conserxes no centro educativo que correponda, ata o 19 de decembro

O servizo municipal e totalmente gratuíto, arrincará o 8 de xaneiro

 

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha, en colaboración coas ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, o servizo Cervo Madruga, dentro do programa Corresponsables de Cervo. 

A alcaldesa explicou que nos últimos días vimos de manter encontros coas representantes das asociacións de país e nais dos centros escolares de Cervo, nos que se valorou poñer en marcha este servizo, que será municipal e de balde, logo de detectar unha demanda importante no seo tanto do CEIP de Cervo como do CEIP Península da Paz. 

Neste senso, a rexedora precisou que desde o Concello traballamos para ofrecerlles ás familias todas as ferramentas ao noso alcance para que a conciliación poida ser unha realidade. E con ese obxectivo –sinalou- nace agora Cervo Madruga, como un novo apoio ás familias para facilitar que as crianzas poidan comezar o día nun ambiente seguro, dinámico e educativo, cando as circunstancias así o requiren.

As familias interesadas xa poden entregar a súa solicitude no centro escolar correspondente ata o 19 de decembro, e o servizo porase en marcha á volta das vacacións de Nadal, o 8 de xaneiro.

No programa, as familias teñen a opción de elixir o horario de 7:30 a 8:30 horas (con almorzo); ou de 8:30 a 9:30horas, no caso do CEIP Península da Paz, ou 9:35 horas, no caso do CEIP de Cervo.

A alcaldesa afondou en que este novo servizo vén reforzar o programa de conciliación en marcha desde hai anos no Concello, que este mesmo Nadal regresa para cubrir tamén integramente as vacacións escolares das crianzas, e que se desenvolverá en horario de 8:30 a 14:30 horas.