O CONCELLO DE CERVO DESEXA UNHA BOA VIAXE AO GRUPO FOLCLÓRICO MISTURA DE LIEIRO, QUE LEVARÁ O NOME DE CERVO E A CULTURA GALEGA AO FESTIVAL MARE NOSTRUM DE IBIZA

Mistura de Lieiro

O Concello de Cervo quere desexarlle unha moi boa viaxe ao Grupo Folclórico Mistura de Lieiro, que este venres parte cara a Eivissa para participar na XXVIII edición do Festival Folklòric Mare Nostrum, unha cita que reunirá esta fin de semana, 19 e 20 de setembro, agrupacións procedentes tamén de Bélxica, Navarra e Aragón, xunto a diferentes grupos da illa.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández, acompañaron  aos integrantes do grupo no último ensaio antes da súa viaxe este venres

Mistura de Lieiro participará na XXVIII edición do Festival Folclórico Mare Nostrum, compartindo escenario con agrupacións de Bélxica, Navarra, Aragón e Ibiza.

O Concello de Cervo quere desexarlle unha moi boa viaxe ao Grupo Folclórico Mistura de Lieiro, que este venres parte cara a Eivissa para participar na XXVIII edición do Festival Folklòric Mare Nostrum, unha cita que reunirá esta fin de semana, 19 e 20 de setembro, agrupacións procedentes tamén de Bélxica, Navarra e Aragón, xunto a diferentes grupos da illa.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández estiveron este xoves cos integrantes de Mistura de Lieiro no seu último ensaio antes da viaxe, nun encontro no que lles trasladaron os mellores desexos para esta experiencia e puxeron en valor a importancia da participación do grupo neste encontro de cultura tradicional.

Mistura de Lieiro terá un papel destacado no programa do festival. Mañá sábado, 19 de setembro, participará no acto central que terá lugar ás 19:45 horas no Porto de sa Cala, en Sa Cala de Sant Vicent, xunto ás agrupacións Koninklijke Volkskunstgroep Reuzegom, de Bélxica; Danzantes y Dulzaineros de Gallur, de Aragón; Elai Alai Dantza Taldea, de Navarra, e o Grup de Ball Pagès Es Broll, de Ibiza.

A programación continuará o domingo, 20 de setembro, con diferentes actuacións pola illa. Ás 12:30 horas, Mistura de Lieiro actuará no Paseo de Vara de Rey de Vila xunto á Associació Cultural Sa Colla de Labritja.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “para Cervo é unha satisfacción que Mistura de Lieiro poida participar nun festival destas características, levando ata Ibiza a nosa música, os nosos bailes e unha parte moi importante da nosa identidade cultural”.

Neste sentido, sinalou que “este tipo de encontros son unha oportunidade fantástica para compartir, aprender e coñecer outras tradicións, pero tamén para mostrar fóra de Galicia todo o patrimonio cultural que temos en Cervo e na Mariña”.

García Caramés quixo agradecer tamén “o traballo e a dedicación de todas as persoas que forman parte de Mistura de Lieiro e que manteñen vivas as nosas tradicións”, ao tempo que lles desexou “unha moi boa viaxe e que desfruten moito desta experiencia, da música, da convivencia e de todo o que lles agarda na illa”.

A rexedora incidiu ademais no papel que exercerá a agrupación como “embaixadora de Cervo e de Galicia”, representando o municipio nun encontro no que o intercambio cultural é precisamente un dos seus principais sinais de identidade.