O CONCELLO DE CERVO E MAR DE SAN CIPRIÁN ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA POÑER EN VALOR A FINCA ANEXA AO MUSEO DO MAR

Convenio con Mar de San Ciprián

 

O acordo contempla a cesión de diferentes pezas marítimas cedidas por Ángel Fernández e Moncho Rivas, que serán instaladas na parcela municipal, “que iremos convertendo pouco a pouco nun museo ao aire libre”

A mostra, aberta ao público, será inaugurada este domingo, cun concerto da orquestra do Conservatorio de Viveiro que terá lugar ás 12:30 horas na carpa da Praza dos Campos

A Administración local incorporou esta propiedade como ben municipal no ano 2022 por un importe de 161. 175,40 euros

O Concello de Cervo vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Mar de San Ciprián, para a posta en valor da finca anexa ao Museo do Mar, en San Ciprián, que é propiedade municipal.

A rexedora, Dolores García Caramés, e o concelleiro, Alfredo Fernández, mantiveron un encontro co presidente desta asociación, Moncho Rivas, durante o cal formalizaron un acordo que supón a cesión de diferentes pezas relacionadas co mundo marítimo (áncoras, hélices, maquinillas, haladores…) que serán expostas nesta parcela dando forma a unha mostra que baixo o título “Surcando Mares” pretende abrir unha nova ventá de San Ciprián ao mar, a través dun paseo libre por estes terreos “que pouco a pouco iremos convertendo nun museo ao aire libre para desfrute de veciños e visitantes”, precisou a alcaldesa.

En concreto as pezas, foron cedidas en calidade de depósito, á asociación Mar de San Ciprián, por Moncho Rivas e Ángel Fernández, que á súa vez fan unha cesión a Concello de Cervo destes elementos de temática mariñeira que “lle outorgan un valor engadido a esta parcela propiedade de todos os cervenses”.