O CONCELLO DE CERVO, ENTIDADE DESTACADA NA GALA DO ATLETISMO GALEGO 2025 POLO SEU COMPROMISO CO DEPORTE BASE E A PROMOCIÓN DO ATLETISMO

A rexedora, Dolores García Caramés, participou activamente na gala, facendo entrega de varios recoñecementos e recollendo tamén a distinción concedida ao Concello de Cervo como entidade destacada na promoción do atletismo galego.

 

O Concello de Cervo foi distinguido este pasado venres na Gala do Atletismo Galego 2025, organizada pola Federación Galega de Atletismo, nun acto que reuniu en Santiago aos principais protagonistas deste deporte en Galicia para recoñecer o traballo desenvolvido ao longo do último ano.

A rexedora, Dolores García Caramés, participou activamente na gala, facendo entrega de varios recoñecementos e recollendo tamén a distinción concedida ao Concello de Cervo como entidade destacada na promoción do atletismo galego.

Este galardón pon en valor a implicación do municipio no impulso do deporte base, a súa colaboración co programa XOGADE e a organización de eventos de referencia como o Desafío Cervo ou o I Encontro Cantábrico de Atletismo.

A alcaldesa agradeceu á Federación este recoñecemento e destacou que “é un orgullo para Cervo recibir esta distinción, que é froito do traballo conxunto de clubs, deportistas, familias e de todo un municipio comprometido co deporte”.

Caramés subliñou ademais que “seguiremos apostando polo atletismo e polo deporte base como ferramentas fundamentais para fomentar hábitos saudables e valores entre a nosa mocidade”, ao tempo que puxo en valor a calidade das instalacións municipais e a capacidade organizativa do Concello, da man das diferentes entidades e clubs, para acoller competicións de primeiro nivel.

Neste senso, avanzou que o Concello de Cervo continuará sendo escenario de citas destacadas, lembrando que xa este próximo domingo as pistas municipais acollerán o II Encontro Cantábrico de fondo, consolidando así o municipio como un referente na organización de probas atléticas en Galicia.

A rexedora tamén tivo palabras de agradecemento para todas as persoas e entidades que fan posible o crecemento do atletismo en Cervo, destacando o papel dos clubs locais –o Maderas Barcia Cervo e a sección de ateltismo do CD San Ciprián- e incidindo en que este tipo de recoñecementos “animan a continuar traballando na mesma liña, reforzando o apoio ao deporte e promovendo iniciativas que sitúen a Cervo como un referente en Galicia”.

A Gala do Atletismo Galego volveu reunir nun mesmo escenario a deportistas, técnicos, xuíces e institucións, recoñecendo o esforzo e os éxitos acadados ao longo da tempada e consolidándose como unha cita clave no calendario deportivo galego.