O CONCELLO DE CERVO IMPULSA A MISIÓN DIDÁCTICA “COMER CON XEITO” NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

Como parte do proxecto, cada mes entregarase un díptico didáctico aos nenos e nenas, que destaca de forma gráfica e atractiva un superalimento e unha froita.

O Concello de Cervo  aposta pola educación alimentaria infantil coa posta en marcha da iniciativa “Misión Comer con Xeito” na Escola Infantil Municipal. Este programa busca promover boas prácticas á hora da alimentación entre os máis pequenos, convertendo o comedor escolar nun espazo educativo que favoreza hábitos saudables e responsables.

Como parte do proxecto, cada mes entregarase un díptico didáctico aos nenos e nenas, que destaca de forma gráfica e atractiva un superalimento e unha froita. Para este mes de marzo, os protagonistas son o amorodo e a cenoria, explicando de maneira sinxela e visual as súas vantaxes para a saúde. Ademais, están a deseñarse manteis educativos que recollen as pautas de comportamento para a hora do xantar, como comer sentado, mastigar con calma, participar na limpeza do espazo, ou animar a probar novos sabores sen prexuízos, entre outras.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse persoalmente á Escola Infantil para entregar os primeiros dípticos e compartir con educadores e crianzas a hora do xantar. “A alimentación é un dos piares fundamentais para o desenvolvemento dos nosos nenos e nenas, e como Concello queremos fomentar hábitos saudables desde o primeiro día”, afirmou García Caramés. Engadiu que “este tipo de iniciativas non só melloran a saúde dos pequenos, senón que tamén reforzan a educación, a autonomía e o compañeirismo na escola”.

O programa inclúe tamén medidas como a organización do espazo e os tempos de comedor, supervisión e acompañamento dos educadores, e a participación activa dos nenos no proceso de alimentación, promovendo a súa autonomía e o compañeirismo. O obxectivo final é que estas aprendizaxes se trasladen ao fogar, creando unha cultura de hábitos saudables que acompañen aos nenos no seu desenvolvemento.

“Queremos que as crianzas comprendan que comer ben é divertido e unha forma de coidar o seu corpo, e que estas boas prácticas se estendan tamén ás familias”, destacou a alcaldesa durante a visita, lembrando que a colaboración entre escola e fogar é clave para consolidar estes hábitos.

Misión Comer con Xeito é, segundo o Concello de Cervo, unha iniciativa que pretende xerar un impacto positivo tanto nas crianzas como nas familias, reforzando a coherencia entre escola e fogar e fomentando unha alimentación consciente e saudable desde idades temperás. O proxecto busca ser un exemplo para futuras accións de educación alimentaria no concello, consolidando a Escola Infantil Municipal como un referente en prácticas educativas innovadoras e saudables.