O CONCELLO DE CERVO IMPULSA A REFLEXIÓN SOBRE A MASCULINIDADE NA ADOLESCENCIA A TRAVÉS DO PLAN CORRESPONSABLES
O IES Marqués de Sargadelos acolleu a primeira das charlas baixo o título Repensar a masculinidade na adolescencia: identidade, presión social e modelos funcionais, unha iniciativa enmarcada no Plan Corresponsables en Cervo 2026 e impartida por UniSer Coaching.
A sesión, dirixida ao alumnado de 3º da ESO, abordou cuestións fundamentais como os mandatos sociais asociados á masculinidade, a influencia da presión do grupo e dos referentes dixitais, así como a importancia de identificar e superar os modelos tradicionais ríxidos para avanzar cara a relacións máis igualitarias, saudables e respectuosas.
Desde o Concello queremos agradecer ao IES Marqués de Sargadelos a súa colaboración e implicación nesta iniciativa, así como a Luz, formadora de UniSer Coaching o seu traballo e a súa achega para fomentar a reflexión e o pensamento crítico entre a mocidade.
A seguinte charla terá lugar o luns 19 de outubro, tamén no IES Marqués de Sargadelos, dirixida ao alumnado de 4º da ESO, dando continuidade a este espazo de reflexión sobre a masculinidade, a igualdade e as relacións saudables na adolescencia.