O CONCELLO DE CERVO INAUGURA A MOSTRA “ARTE E HUMOR. O ENXEÑO DE ANTONIO MINGOTE” DA MAN DE ABANCA E AFUNDACIÓN
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, do coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro Pita; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, aos que se sumaron representantes da comunidade educativa e veciñanza e asociacións do municipio.
A Casa da Cultura de Cervo acolle desde hoxe a exposición «Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote», unha destacada mostra promovida por ABANCA e Afundación no marco do programa Corrente cultural, que achega propostas artísticas e culturais de relevancia ás vilas galegas.
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, do coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro Pita; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, aos que se sumaron representantes da comunidade educativa e veciñanza e asociacións do municipio.
Durante a súa intervención, a rexedora agradeceu a colaboración de ABANCA e Afundación por facer posible a chegada desta mostra a Cervo, destacando a importancia de establecer alianzas que permitan achegar a cultura de calidade á cidadanía.
Dolores García Caramés tivo tamén palabras de agradecemento para Carlos Teijeiro e Beatriz Fernández-Anguiano pola súa implicación e pola confianza depositada no municipio para acoller esta exposición dedicada a unha das figuras máis relevantes do humor gráfico español.
A alcaldesa quixo destacar ademais a participación do alumnado de 1º da ESO do IES Marqués de Sargadelos e do seu profesorado, agradecéndolles que aceptasen o convite para asistir á inauguración. Neste sentido, subliñou o valor de achegar a arte e a cultura ás novas xeracións, fomentando a reflexión, a creatividade e o pensamento crítico a través de iniciativas coma esta; ademais de agradecer tamén a presenza da asociación Saúde Mental A Mariña, sempre participativa nas iniciativas culturais do municipio.
A exposición reúne unha selección de debuxos, viñetas e reflexións visuais de Antonio Mingote, creador dunha extensa obra marcada pola ironía, a elegancia e unha aguda mirada sobre a sociedade do seu tempo. A mostra permite percorrer diferentes etapas da súa traxectoria artística e descubrir a vixencia das súas mensaxes.
Desde o Concello de Cervo reafirmaron o seu compromiso coa promoción cultural e coa dinamización dos espazos públicos como lugares de encontro e aprendizaxe, continuando a traballar para ofrecer á veciñanza unha programación diversa e accesible.
A exposición poderá visitarse na Sala de Exposicións da Casa da Cultura ata o próximo 10 de xullo.