O CONCELLO DE CERVO INAUGURA NA SALA CULTURAL XOSÉ VIZOSO EN SARGADELOS, A EXPOSICIÓN “OS MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO”
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 2 de xuño e realiza un percorrido pola historia dos maragatos, históricos arrieiros, comerciantes e transportistas procedentes da comarca leonesa da Maragatería, que durante séculos percorreron os camiños da península e que tamén deixaron unha importante pegada en Galicia e no comercio tradicional das nosas vilas e cidades.
O Concello de Cervo inaugurou este mediodía na Sala Cultural Xosé Vizoso, no edificio das Carboeiras de Sargadelos, a exposición “Os Maragatos da Porta de San Pedro”, unha mostra organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro, coa colaboración do Concello de Cervo.
No acto participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; Xulio Xiz e Antonio Giz, impulsores da exposición do colectivo Egeria; así como Nando Blas, representante cervense descendente dos maragatos, entre outras persoas asistentes que quixeron acompañar esta inauguración.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 2 de xuño e realiza un percorrido pola historia dos maragatos, históricos arrieiros, comerciantes e transportistas procedentes da comarca leonesa da Maragatería, que durante séculos percorreron os camiños da península e que tamén deixaron unha importante pegada en Galicia e no comercio tradicional das nosas vilas e cidades.
Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor “a importancia de preservar e divulgar a memoria colectiva, as conexións culturais e o espírito emprendedor que representaron os maragatos ao longo da historia”, ao tempo que destacou a conexión existente entre aquela tradición comercial e Sargadelos, onde se impulsará un novo espazo de coworking Azul Cobalto precisamente na Sala Cultural Xosé Vizoso”.
García Caramés agradeceu ao Colectivo Egeria e á Fundación Carmen Pérez-Carro a súa implicación para traer esta mostra a Cervo, e salientou especialmente o traballo de Xulio Xiz e Antonio Giz “por compartir este magnífico legado histórico e humano”.
A rexedora tamén destacou o vínculo especial que existe entre Cervo e a tradición maragata grazas a familias como a de Nando Blas, cuxos antepasados estiveron directamente ligados a esa cultura comercial e emprendedora.
A mostra está composta por diferentes paneis informativos redactados en galego e castelán nos que se afonda nas raíces maragatas da familia Pérez-Carro e na súa vinculación histórica coa cidade de Lugo ao longo de máis de 145 anos.
O Concello de Cervo anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Sala Cultural Xosé Vizoso para descubrir esta exposición que conecta Galicia e León a través da memoria, da cultura e da historia compartida.
Poderá visitarse ata o 2 de xuño de martes a domingo de 16:00 a 19:30 horas; e sábado e domingos tamén pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas.