O CONCELLO DE CERVO INSTALA UN SISTEMA DE VENTILACIÓN NO XIMNASIO MUNICIPAL

A actuación supón un investimento de algo máis de 23.000 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia

O Concello de Cervo está a levar a cabo a instalación dun moderno sistema de ventilación no ximnasio municipal na piscina de Lieiro, co obxectivo de mellorar o confort térmico e ambiental das instalacións.

Este proxecto supón un investimento de máis de 23.000 euros, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

O novo sistema baséase nun equipo de ventilación con recuperador de calor de fluxo cruzado, que aproveita o calor residual do aire interior para temperar o aire exterior que se impulsa ás estancias. Deste xeito, conséguese un aforro enerxético significativo, xa que non é preciso quentar o aire exterior desde cero. Ademais, incorpora unha comporta de BYPASS, que permite refrescar o espazo de forma natural cando as condicións exteriores son favorables, sen empregar enerxía adicional.

A ventilación foi deseñada en función do uso e ocupación de cada estancia, o que permitirá refrescar o ximnasio de maneira eficiente sen sistemas de refrixeración.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ao ximnasio para coñecer de primeira man os traballos, que forman parte dun plan de mellora das instalacións públicas municipais, orientado a ofrecer espazos máis confortables e sostibles para a veciñanza.