O CONCELLO DE CERVO INVISTE MÁIS DE 70.000 EUROS NA MELLORA DAS COMUNICACIÓNS NO NÚCLEO DA MOREIRA, EN RÚA

Estas obras execútanse con cargo a fondos pertencentes ao Plan Único 

 

O Concello de Cervo executa estes días unha actuación de mellora do firme viario no núcleo da Moreira, na parroquia de Rúa, cun investimento total de 70.224 euros, financiados a través do Plan Único.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou a actuación acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo de Rúa, Ramón Elemparte, destacando que “seguimos avanzando na mellora das comunicacións nos núcleos rurais, dando resposta a unha demanda veciñal e garantindo vías máis seguras e cómodas para o día a día”.

A rexedora subliñou ademais que “este tipo de obras son fundamentais para manter en bo estado as infraestruturas municipais e mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente nas zonas rurais”.

A actuación desenvólvese sobre unha superficie aproximada de 3.151 metros cadrados, onde o pavimento existente presenta un importante deterioro debido ao paso do tempo, ao tráfico rodado e ás condicións meteorolóxicas. Estase a actuar sobre a capa de rodadura mantendo as cotas actuais, o que permite unha intervención eficaz e rápida sen alterar a configuración do vial.

 

As obras inclúen a limpeza da vexetación nos bordes dos viarios, o fresado do pavimento bituminoso en puntos concretos cun espesor de 5 centímetros, a aplicación dun rego de adherencia e a execución dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente. Ademais, realízase unha actuación puntual na rede de saneamento de augas pluviais coa execución dun caz de formigón para reducir a escorrentía de auga pola vía.

Con esta intervención, o Concello de Cervo continúa a apostar pola mellora das infraestruturas viarias e a conservación do rural, reforzando a seguridade e a funcionalidade dos camiños municipais.