O CONCELLO DE CERVO INVISTE PRETO DE 30.000 EUROS NA MELLORA DO CAMIÑO DAS FÁBRICAS NO LUGAR DE ESPIÑEIRIDO
A actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia con fondos AGADER, mellora o acceso a múltiples parcelas agrarias e reforza a rede de camiños municipais
O Concello de Cervo leva a cabo unha actuación de mellora no camiño coñecido como Camiño das Fábricas, situado no lugar de Espiñeirido, cun investimento próximo aos 30.000 euros -29.549 euros, concretamente-. A obra está cofinanciada pola Xunta de Galicia a través de fondos AGADER ao aveiro do plan Camiña Rural para o período 2025-2026.
Este camiño constitúe un acceso fundamental a diversas parcelas agrarias da zona, polo que a intervención contribúe a facilitar o traballo diario do sector agrogandeiro local, ademais de mellorar as condicións de tránsito de vehículos e maquinaria.
En total, a actuación abrangue 704 metros lineais, cun ancho medio de 4,5 metros. As obras consisten no reforzado do firme existente, mediante o aporte dunha capa de zahorra de 20 centímetros, co obxectivo de adaptar o camiño ás necesidades do tráfico rodado que soporta de maneira habitual.
Procedeuse á limpeza das cunetas e a retirada de capa vexetal e materiais limosos, mellorando así a drenaxe e garantindo unha maior durabilidade do pavimento. Ademais, está prevista a instalación de sinalización vertical.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a zona, acompañada do edil Adrián Arias, da concelleira Mali Méndez, e do pedáneo de Cervo Rubén Fernández, para supervisar os traballos e destacou a importancia da actuación,
“Este é un camiño moi utilizado polos veciños e polas explotacións agrícolas, polo que a mellora supón unha clara aposta pola nosa contorna rural. Queremos facilitar o día a día das persoas que viven e traballan no rural e ofrecerlles vías seguras e en bo estado.”
A rexedora puxo así mesmo de manifesto a aposta deste equipo de goberno por “seguir traballando para chegar a cada recuncho do noso municipio, continuaremos investindo en melloras que repercutan directamente na calidade de vida da veciñanza”, subliñou.