O CONCELLO DE CERVO MELLORA A ACCESIBILIDADE DOS VESTIARIOS DA PISCINA MUNICIPAL DE LIEIRO

accesibilidade vestiarios piscina

A actuación permitirá crear baños completamente accesibles nos vestiarios feminino e masculino e renovará diferentes elementos das instalación

A obra conta cun investimento previsto de 48.168,54 euros, ao aveiro dunha subvención da Xunta de Galicia, en concreto da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que aporta o 70% do montante, que se completa con fondos municipais

O Concello de Cervo continúa avanzando na mellora e modernización dos equipamentos deportivos coa actuación que se está a realizar estes días nos vestiarios da piscina municipal , que ten como principal obxectivo mellorar a súa accesibilidade, funcionalidade e condicións de uso.

A obra contempla a creación de baños completamente accesibles tanto no vestiario de mulleres como no de homes, xa que actualmente estas instalacións non dispoñen deste tipo de espazos adaptados. A intervención busca garantir que o equipamento poida ser utilizado en condicións axeitadas por todas as persoas.

A actuación, que conta cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da consellería de Presidencia, inclúe a demolición dos actuais tabiques, pavimentos e revestimentos na zona de intervención, así como a construción de novas divisións e a instalación de sistemas de impermeabilización para mellorar a protección fronte á humidade. Tamén se renovará a instalación de fontanería, con novas tubaxes de aceiro inoxidable, sistemas de saneamento e canalización para a evacuación de augas.

Nos novos espazos instalaranse lavabos e inodoros accesibles, billas adaptadas, barras de apoio e asentos para as duchas, ademais doutros elementos pensados para facilitar o uso das instalacións. Tamén se colocarán novas portas de aluminio, se renovarán os revestimentos e se acometerán traballos de pintura nos teitos e paredes dos vestiarios.

O proxecto tamén dá resposta ao estado de conservación actual dalgunhas zonas, nas que se detectaron paramentos afectados pola humidade e duchas individuais que non son accesibles.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou as obras que están na súa fase final, acompañada pola concelleiro, Adrián Arias, e sinalou que “seguimos traballando para que os equipamentos municipais estean en boas condicións e, sobre todo, para que sexan espazos accesibles e utilizables por todas as persoas”.

Neste sentido, a rexedora destacou que “a accesibilidade é unha prioridade á hora de planificar as melloras nos equipamentos públicos” subliñando que esta intervención permitirá “dar un paso adiante na adaptación dos vestiarios, ao tempo que se melloran as súas condicións xerais de conservación, seguridade e funcionalidade”.