O CONCELLO DE CERVO MELLORA A ILUMINACIÓN DA AVENIDA DA MARIÑA, EN SAN CIPRIÁN, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 32.900 EUROS

iluminación avenida mariña

A actuación, financiada a través do Fondo de Compensación Ambiental,  permitirá renovar as luminarias actuais por tecnoloxía LED e reducir o consumo enerxético nun 49 %.

O Concello de Cervo acometerá unha actuación de mellora da iluminación pública na avenida da Mariña, en San Ciprián, cun investimento total de 32.932,69 euros, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

O proxecto contempla a substitución das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes e sostibles, co obxectivo de mellorar a calidade do alumeado público, reducir o consumo eléctrico e avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos recursos municipais.

En concreto, instalaranse 26 luminarias LED de 75 vatios, que substituirán os equipos existentes de maior consumo. Segundo as previsións do proxecto técnico, esta renovación permitirá reducir nun 49% a potencia instalada, pasando dos 3.800 aos 1.950 vatios, e acadar unha cualificación enerxética A.

A intervención abrangue o tramo da avenida da Mariña comprendido entre a contorna da ponte e a praia do Torno, incluíndo a conexión coa rúa Farillón e o tramo ata a rúa de Asturias, así como os puntos de luz correspondentes á zona da praia.