O CONCELLO DE CERVO MELLORA O XIMNASIO MUNICIPAL COA POSTA EN SERVIZO DO NOVO SISTEMA DE VENTILACIÓN

A intervención permite un maior confort térmico, aforro enerxético e unha renovación  do aire nas instalacións

O Concello de Cervo vén de poñer en funcionamento o novo sistema de ventilación do ximnasio municipal situado na Piscina de Lieiro, unha actuación que supón unha mellora substancial no confort térmico e ambiental destas instalacións, garantindo unha práctica deportiva máis agradable.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou as instalacións acompañada dos concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández, para comprobar o resultado da intervención, que xa está plenamente operativa. Durante a visita, Caramés destacou que esta mellora “favorece un ambiente moito máis confortable para as persoas usuarias, cun sistema que permite renovar o aire constantemente e refrescar o espazo cumprindo a normativa vixente para este tipo de instalacións”.

A rexedora subliñou ademais que a instalación deste novo sistema contribúe a un uso máis racional da enerxía, “o que se traduce nun aforro notable e nun funcionamento máis sostible das instalacións municipais”.

Caramés incidiu en que este tipo de actuacións “reforzan o compromiso do Concello cunhas infraestruturas modernas, eficientes e preparadas para ofrecer servizos deportivos de calidade”, 

A intervención contou cun investimento de algo máis de 23.000 euros, financiados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.