O CONCELLO DE CERVO ORGANIZA UNHA ANDAINA SOLIDARIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO DE MAMA

Como broche final, plantaranse flores rosas no Parque Reina Sofía, nun xesto simbólico que representará a esperanza, a forza e a unión da sociedade cervense fronte á enfermidade.

O Concello de Cervo presentou este mércores a actividade “Cervo en Rosa”, coa que conmemorará o vindeiro domingo, 19 de outubro o Día Mundial contra o Cancro de Mama. A cita central será unha andaina solidaria, que partirá ás 11:00 horas do Peirao de San Ciprián aberta a toda a poboación que desexe sumarse.

Na presentación, no Parque Reina Sofía, participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés, a concelleira, Mali Méndez, e representantes das diferentes asociacións de mulleres do municipio —Mulleres de San Ciprián, Alborada, As Espalladoras e Mulleres en Igualdade—, que colaborarán activamente na organización da xornada.

A actividade pretende visibilizar a loita contra o cancro de mama e fomentar a participación cidadá como mostra de apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.

Como broche final, plantaranse flores rosas no Parque Reina Sofía, nun xesto simbólico que representará a esperanza, a forza e a unión da sociedade cervense fronte á enfermidade.

Dende o Concello de Cervo agradécese a implicación das asociacións e da veciñanza, e sublíñase a importancia da prevención, a investigación e o apoio mutuo na loita contra o cancro de mama.