O CONCELLO DE CERVO PRESENTA O CALENDARIO DE NADAL PROTAGONIZADO POLAS PERSOAS USUARIAS DO PROGRAMA ARRUGUIÑAS

Editáronse máis de 2000 exemplares que chegarán a todos os fogares cervenses

O Concello de Cervo vén de presentar o tradicional Calendario de Nadal, que un ano máis chegará a todos os fogares do municipio e que nesta ocasión está protagonizado mes a mes polas persoas usuarias do programa municipal de envellecemento activo Arruguiñas.

Editáronse máis de 2.000 exemplares, que se distribuirán nos próximos días en cada casa do municipio.

O calendario deste ano destaca polo seu deseño “moi noso, cheo de identidade, que reflicte o espírito do programa e o valor de manterse activos e vinculados á comunidade. Cada mes recolle imaxes das diferentes actividades que realizan as persoas participantes, amosando o seu entusiasmo e compromiso.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés deatacou que

“este calendario é un orgullo enorme para o Concello. Non é só unha publicación de Nadal, é un retrato vivo da forza, da alegría, da vitalidade e da creatividade dos nosos maiores”.

A rexedora engadiu que “Arruguiñas é un programa ao que lle temos un cariño especial porque naceu coa convicción de que as persoas maiores merecen ter espazos de participación, de aprendizaxe e de convivencia. Vai pola segunda edición e está a funcionar moi ben, consolidándose como unha aposta integral polo seu benestar físico, mental e social. Este calendario é tamén unha forma de agradecerlles o seu esforzo, a súa implicación e a súa disposición constante a probar cousas novas”, engadiu.

Ademais, tal e como expón a alcaldesa na carta que abre o calendario e coa que felicita o Nadal á veciñanza,“en Cervo cremos que cada persoa maior é un tesouro de sabedoría, experiencia e humanidade, e que merece o noso respecto, o noso apoio e todas as oportunidades para seguir participando activamente na vida social do concello. Arruguiñas é, sen dúbida, unha das nosas mellores formas de dicir ‘grazas’ a quen tanto fixo e segue facendo pola nosa comunidade.

O programa Arruguiñas ofrece talleres de memoria, actividades terapéuticas, obradoiros creativos, exercicio físico, lingua de signos, charlas, encontros sociais..., como novidade deste ano, un taller de inglés práctico e funcional para o día a día, que está a ter unha excelente acollida entre as persoas participantes.

Desde o Concello destacan que “este calendario é un símbolo do Nadal cervense e un recordo que permanecerá todo o ano nas nosas casas, lembrándonos que somos unha comunidade activa, unida e que pon ás persoas no centro”.

Neste tempo de Nadal, -engadiu a alcaldesa- desexámos así a toda a veciñanza unhas festas cheas de paz, saúde e alegría, e que o ano 2026 nos traia novos camiños para seguir medrando e compartindo.

 Compartimos fotos da presentación do calendario esta mañá na Casa do Mar, e esta tarde na Casa do Concello; coas persoas usuarias e unha representación das monitoras do programa tanto en Cervo como en San Ciprián.

A alcaldesa, Dolores García Caramés acompañada do edil, Adrián Arias e as concelleiras Pilar Armada e Mali Méndez, en San Ciprián; e Alfredo Fernández e Mali Méndez en Cervo; entregoulles en man o calendario que este ano protagoniza Arruguiñas.