O CONCELLO DE CERVO PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DE “ACTÍVATE EN XUÑO”, UNHAS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS PARA FOMENTAR A VIDA ACTIVA ENTRE A VECIÑANZA

A programación desenvolverase durante todo o mes de xuño, con actividades gratuítas e sen inscrición previa tanto en Cervo como en San Ciprián.

 

O programa inclúe sesións de ioga, pilates e corpo activo, ampliando ademais as horas dispoñibles respecto da edición anterior.

 

O Concello de Cervo vén de presentar este mediodía a segunda edición de “Actívate en Xuño”, unha iniciativa de portas abertas coa que se pretende promover o exercicio físico e os hábitos de vida saudable entre a veciñanza.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a programación acompañada das monitoras Belinda Canoura e Nuria Torrado, destacando o gran resultado acadado polas escolas deportivas municipais de adultos neste curso, que estiveron preto dos 200 inscritos nas diferentes disciplinas ofertadas.

“O éxito das escolas deportivas municipais demostra que cada vez hai máis veciños e veciñas comprometidos cun estilo de vida activo e saudable. Dende o Concello queremos seguir reforzando esa dinámica, ofrecendo alternativas accesibles, gratuítas e abertas a todo o mundo”, sinalou a rexedora.

A programación deste mes de xuño contempla diferentes sesións de ioga, pilates e corpo activo repartidas entre o Edificio Anexo do Concello, en Cervo, e a Casa do Mar, en San Ciprián; cun calendario máis amplo e con máis horas que na edición anterior para facilitar a participación da cidadanía.

Os horarios serán os seguintes:

Luns:

Ioga en San Ciprián, de 11:30 a 12:30 horas.

 

Ioga en Cervo, de 18:00 a 19:00 horas.

 

Pilates “Espalda Sa” en San Ciprián, de 20:30 a 21:30 horas.

Martes:

 

Corpo Activo Forza en Cervo, de 10:30 a 11:30 horas.

 

Ioga en San Ciprián, de 19:00 a 20:00 horas.

 

Mércores:

Ioga en San Ciprián, de 11:30 a 12:30 horas.

 

Ioga en Cervo, de 18:00 a 19:00 horas.

 

Corpo Activo Forza en San Ciprián, de 20:30 a 21:30 horas.

 

Xoves:

 

Pilates “Espalda Sa” en Cervo, de 10:30 a 11:30 horas.

 

Ioga en San Ciprián, de 19:00 a 20:00 horas.

 

“Seguimos apostando decididamente pola actividade física como ferramenta para mellorar a saúde, favorecer o benestar emocional e tamén crear comunidade. Queremos animar á xente a probar estas disciplinas e a descubrir todo o que ofrecen as nosas escolas deportivas”, engadiu García Caramés.

As actividades serán totalmente gratuítas e non requiren inscrición previa. As persoas interesadas só terán que achegarse ao inicio de cada sesión no lugar correspondente, seguindo o calendario establecido.

Dende o Concello animan á veciñanza de todas as idades a participar nesta proposta, que busca consolidar o deporte e os hábitos saudables como parte fundamental do día a día no municipio.