O CONCELLO DE CERVO RECIBIU A VISITA DUNHA EXPEDICIÓN DE PROFESIONAIS DA SAÚDE DE CABO VERDE NO MARCO DO PROGRAMA ERASMUS+

cabo verde

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias mantiveron un encontro con representantes da Associaçao Saúde na Comunidade de Cabo Verde, que visitaron estes días a comarca da Mariña no marco do programa de intercambio e cooperación europea ERASMUS+.

 

A delegación, integrada por profesionais de diferentes ámbitos da saúde, entre eles enfermaría, nutrición e psicoloxía, participou nunha axenda de actividades e encontros destinada a coñecer diferentes recursos, experiencias e modelos de atención sanitaria e social.

Durante a súa estadía en Cervo, a expedición foi recibida pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e polo concelleiro Adrián Ariais, e visitou as dúas Residencias que ten a asociación Saúde Mental A Mariña no municipio, onde puido coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve nestes centros e intercambiar experiencias cos seus profesionais.

 “Estivemos encantados de recibilos en Cervo e agardamos que a súa visita fose tamén gratificante para eles, que puidesen coñecer o noso municipio, os nosos recursos e o traballo que se desenvolve no ámbito da saúde, a atención social e a formación”, sinalou a alcaldesa.

A expedición completou a súa estadía con outras visitas e encontros por distintos puntos da contorna da Mariña, coñecendo diferentes recursos e iniciativas relacionadas coa saúde e a formación.

Desde o Concello de Cervo valoraron moi positivamente este encontro e agradeceron á delegación a súa visita, coa confianza de que esta experiencia sirva para estreitar lazos e continuar impulsando novas iniciativas de intercambio e cooperación, tamén da man do IES Monte Castelo, neste caso.