O CONCELLO DE CERVO REFORZA O APOIO Á MOCIDADE CON AXUDAS PARA O DESPRAZAMENTO A CENTROS EDUCATIVOS FÓRA DO MUNICIPIO
A alcaldesa, Dolores García Caramés, foi a encargada de entregar as notificacións ás persoas beneficiarias, un total de 35 estudantes
A alcaldesa, Dolores García Caramés, foi a encargada de entregar as notificacións ás persoas beneficiarias, un total de 35 estudantes
O Concello de Cervo vén de facer efectiva unha nova convocatoria das axudas ao transporte destinadas ao alumnado que se forma fóra do termo municipal en ensinanzas que non se imparten no propio concello.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, foi a encargada de entregarlle as notificacións ás persoas beneficiarias na Casa da Cultura, un total de 35 estudantes, que percibirán unha achega económica de 150 ou 250 euros, segundo os ingresos da unidade familiar.
A rexedora explicou que esta iniciativa “responde á vontade do Concello de acompañar ás familias cervenses durante o proceso formativo dos seus fillos e fillas” Engadiu tamén que “o investimento realízase con cargo exclusivo aos fondos municipais, reafirmando o compromiso coa educación como eixo fundamental do desenvolvemento persoal e profesional da mocidade”.
Desde o goberno local incídese en que estas axudas buscan garantir a igualdade de oportunidades, evitando que factores económicos ou de mobilidade condicionen a continuidade dos estudos.
O programa está dirixido a alumnado menor de 30 anos, empadroado no Concello de Cervo, e ten en conta a situación económica da unidade familiar. Inclúe estudos universitarios, ensinanzas musicais, Bacharelato en modalidades non dispoñibles no municipio, ciclos de Formación Profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, así como ensinanzas deportivas.
Con esta medida, o Concello de Cervo mantén a súa liña de apoio continuado á educación, apostando por facilitar o acceso á formación en igualdade de condicións para toda a súa veciñanza máis nova.