O CONCELLO DE CERVO REFORZA O CONTROL E A PROTECCIÓN DAS COLONIAS FELINAS COA COLABORACIÓN DA ASOCIACIÓN PROTECTORA DE ANIMAIS COLETIÑAS
O Concello de Cervo continúa avanzando na xestión responsable das colonias felinas do municipio, en colaboración coa Asociación Protectora de Animais Coletiñas, co obxectivo de garantir o benestar dos gatos comunitarios, evitar a súa reprodución descontrolada e favorecer unha convivencia axeitada coa veciñanza.
Neste marco de traballo, o Concello elaborou novos carnés identificativos para as persoas voluntarias autorizadas que se encargan da alimentación dos animais, unha medida que permitirá identificar quen realiza esta tarefa e contribuír a unha xestión máis organizada, coordinada e responsable das colonias.
Ademais, imprimíronse carteis informativos, que se instalarán naquelas zonas nas que se detectou unha maior concentración de felinos. Estes paneis recollerán as principais indicacións para a veciñanza, incidindo na importancia de respectar os animais, non interferir no seu coidado e colaborar no correcto funcionamento do programa municipal; e tamén se publicou un bando municipal lembrando á veciñanza as medidas en vigor.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo un novo encontro con Irene García, en representación de Coletiñas, destacando a importancia desta iniciativa e da colaboración entre a Administración local, a asociación protectora e as persoas voluntarias.
“Estamos a traballar para que as colonias felinas do noso municipio estean correctamente xestionadas, sempre desde o respecto e a protección dos animais, pero tamén desde a responsabilidade e a convivencia coa veciñanza. Para iso, é fundamental contar coa implicación de todas as partes e establecer unhas pautas claras que nos permitan avanzar cara a un modelo ordenado e eficaz”, sinala.
A rexedora pon en valor, especialmente, o labor da Asociación Protectora de Animais Coletiñas e das persoas voluntarias que participan no coidado dos gatos comunitarios. “Queremos agradecer expresamente o traballo altruísta e o compromiso de Coletiñas, así como a colaboración das persoas que dedican o seu tempo a atender estes animais. A súa implicación é imprescindible para que o programa funcione e para que poidamos seguir mellorando a xestión das colonias felinas en Cervo”, afirma.
García Caramés explica que a elaboración dos carnés e a instalación dos carteis responden á vontade de reforzar a coordinación e facilitar información á cidadanía. “O obxectivo non é outro que organizar mellor a alimentación e o coidado dos gatos, evitar actuacións que poidan interferir no traballo que se está a desenvolver e concienciar sobre a importancia de non abandonar animais nin incorporar novos gatos ás colonias sen o procedemento correspondente”, engade.
UNHA XESTIÓN BASEADA NO MÉTODO CER
A actuación enmárcase no programa municipal de xestión das colonias felinas mediante o método CER —captura, esterilización e retorno—, que permite controlar progresivamente a poboación de gatos comunitarios, evitar camadas non desexadas e mellorar as condicións de vida dos animais.
O Concello lembra que os gatos das colonias son atendidos por persoas voluntarias autorizadas e que a alimentación debe realizarse de maneira responsable e coordinada, polo que non se debe fornecer comida sen a correspondente autorización. Así mesmo, pide á veciñanza que non destrúa nin retire os comedoiros e refuxios habilitados, que evite que os cans poidan agredir os gatos e que non abandone animais nin deposite novas camadas nestes espazos.
No caso dos gatos de titularidade particular, cómpre cumprir coas obrigas legais de identificación mediante microchip e esterilización nos termos establecidos pola normativa vixente.
Desde o Concello de Cervo insisten en que a protección das colonias felinas é unha responsabilidade compartida e apelan á colaboración e á sensibilización da cidadanía para seguir avanzando nunha convivencia respectuosa, garantindo tanto o benestar animal como unha xestión adecuada dos espazos públicos.
O Concello agradece novamente á Asociación Protectora de Animais Coletiñas o seu labor e compromiso coa comunidade e reafirma a súa vontade de continuar traballando conxuntamente para mellorar o control e a protección das colonias felinas do municipio.