O CONCELLO DE CERVO REFORZA O SEU COMPROMISO AMBIENTAL COA GRATUIDADE DA RECOLLIDA DE ENSERES A DOMICILIO
A medida, en vigor desde este mes de xuño, elimina a taxa existente e busca fomentar a correcta xestión dos residuos voluminosos, reforzando a concienciación ambiental da veciñanza.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, trasladou esta novidade ás asociacións de veciños do municipio mediante unha carta informativa.
O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha nova medida encamiñada a facilitar a correcta xestión dos residuos e a reforzar a concienciación ambiental da cidadanía. Desde este mes de xuño, o servizo municipal de recollida de enseres a domicilio pasa a ser completamente gratuíto para toda a veciñanza.
A iniciativa supón a eliminación da taxa que se viña aplicando ata o de agora por este servizo e pretende favorecer a retirada adecuada de residuos voluminosos, como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outros aveños domésticos, contribuíndo así a manter os espazos públicos en mellores condicións e a evitar verteduras incontroladas.
Co obxectivo de dar a coñecer esta novidade e de implicar ao tecido asociativo na súa difusión, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, remitiu unha carta a todas as asociación veciñais e de montes do municipio na que explica o alcance da medida e a súa importancia dentro das políticas ambientais que impulsa o Concello.
Segundo sinala a rexedora, “esta iniciativa vai moito máis alá da eliminación dunha taxa; constitúe unha acción de sensibilización ambiental coa que queremos seguir fortalecendo a conciencia ecolóxica da cidadanía e promover unha correcta xestión dos residuos voluminosos”.
García Caramés destaca que a gratuidade do servizo “pretende converterse nun incentivo para seguir avanzando entre todos e todas cara a un municipio máis limpo, máis ordenado e máis respectuoso co medio ambiente”, ao tempo que lembra que “a protección da nosa contorna é unha responsabilidade compartida na que cada pequeno xesto conta”.
Esta medida enmárcase no compromiso que o Concello de Cervo mantén desde hai anos coa sustentabilidade e o coidado do medio ambiente, a través de diferentes accións e programas como a promoción da recollida selectiva e da reciclaxe, o impulso da compostaxe doméstica, as campañas de educación e sensibilización ambiental, a posta en marcha do punto limpo móbil itinerante ou a campaña municipal “Coida Cervo”.
A alcaldesa aproveitou tamén a comunicación remitida ás asociacións para agradecer o seu papel na transmisión destes valores á sociedade. “O labor que desenvolven as entidades do noso municipio é fundamental para seguir construíndo un Cervo cada vez máis comprometido coa protección da nosa contorna e coa mellora da calidade de vida da veciñanza”, subliñou.
Desde o Concello lembran que o servizo de recollida de enseres continuará realizándose a domicilio previa solicitude na Casa do Concello o una Casa da Cultura, dous xoves alternos ao mes, agora sen ningún custo para os usuarios, co obxectivo de facilitar o acceso ao servizo e seguir avanzando nun modelo de xestión de residuos máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente.