O CONCELLO DE CERVO RENOVA A CAPA DE RODADURA E A REDE DE ABASTECEMENTO EN MADEIRO E O PENIDO, EN CUÍÑA CUN INVESTIMENTO QUE SUPERA OS 160.000 EUROS

A actuación está financiada con fondos do Plan Único

O Concello de Cervo está a executar estes días a renovación integral da capa de rodadura e da rede de abastecemento de auga potable nos lugares de Madeiro e O Penido, en Cuíña, cun investimento total de 169.694 euros procedentes do Plan Único.

A actuación foi supervisada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e pola pedánea de Cuíña, Carmen Fernández, que comprobaron in situ como avanzan os traballos.

Con esta intervención preténdese mellorar o firme, deteriorado polo paso dos anos e o intenso tráfico rodado, así como dar resposta ás fugas producidas na antiga rede de abastecemento, que ocasionaban perdas de auga e intervencións de mantemento.

Durante a visita, a alcaldesa destacou que “seguimos investindo na mellora das infraestruturas básicas do noso rural, atendendo ás demandas da veciñanza e actuando de maneira planificada e responsable”.

García Caramés subliñou que “con esta obra non só melloramos a seguridade viaria, senón que tamén avanzamos en eficiencia e sustentabilidade, reducindo as perdas de auga e optimizando os recursos públicos”.

Os traballos inclúen a demolición do pavimento existente nos tramos necesarios, a escavación das zanxas, a instalación dunha nova rede con tubaxes de polietileno de alta densidade, a execución de pozos prefabricados e o posterior recheo e comprensión. Así mesmo, repúxose o firme asfáltico con novas capas de macadam e mestura bituminosa en quente, e executáronse actuacións de drenaxe como a apertura de cunetas e limpeza de caños.

Con esta actuación, o Concello de Cervo continúa reforzando o seu compromiso coa modernización das infraestruturas municipais e coa mellora da calidade de vida da veciñanza.