O CONCELLO DE CERVO RENOVA A ILUMINACIÓN PÚBLICA EN GALDÍN CON TECNOLOXÍA LED

O investimento, de 39.719,84 euros, está financiado pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental

O Concello de Cervo vén de executar un proxecto de renovación integral da iluminación pública na zona de Galdín co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, aumentar a calidade da iluminación viaria e reducir o consumo eléctrico e a contaminación lumínica.

As actuacións consistiron principalmente na substitución de luminarias tradicionais por novas luminarias LED de baixo consumo, mantendo o deseño orixinal do alumeado e garantindo a compatibilidade cos báculos existentes. En total, renováronse 17 puntos de luz con luminarias LED de 30 W e instaláronse ademais dous novos puntos de luz nunha rúa anexa, aproveitando a preinstalación eléctrica realizada previamente polo Concello no marco das obras de urbanización integral que se levaron a cabo recentemente en toda esa contorna.

Grazas a esta intervención, a potencia total instalada pasou de 2.100 W a 730 W, o que supón un aforro enerxético do 65,23 %, mellorando ao mesmo tempo os niveis de luminosidade esixidos pola normativa vixente para este tipo de vías.

O proxecto inclúe tamén a implantación dun reloxo astronómico para o control do acendido e apagado do alumeado público, que adapta automaticamente o funcionamento ás horas reais de orto e ocaso ao longo do ano, optimizando aínda máis o consumo

enerxético e reducindo as necesidades de mantemento.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou a actuación acompañada do concelleiro Adrián Arias, e destacou que

“esta actuación en Galdín é un exemplo claro do compromiso do Concello coa eficiencia enerxética e coa sustentabilidade ambiental, ao tempo que melloramos a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”.

Así mesmo, subliñou que “o apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental permítenos seguir modernizando as infraestruturas municipais e reducindo o consumo eléctrico e a contaminación lumínica”.

O investimento total da actuación ascende a 39.719,84 euros, financiados pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental, ao abeiro da orde do 23 de xaneiro de 2025, destinada a apoiar ás entidades locais na execución de proxectos sostibles e respectuosos co medio ambiente.

Desde o Concello de Cervo incídese en que esta actuación se enmarca na estratexia municipal de aposta pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a mellora continua dos servizos e espazos públicos.