O CONCELLO DE CERVO SEGUE A PRIORIZAR OS SERVIZOS PÚBLICOS E O BENESTAR DOS VECIÑOS E VECIÑAS CO ORZAMENTO DO 2026

O orzamento municipal para o próximo ano, que ascende a 8.285.600 euros, permite seguir reforzando infraestruturas, fomenta a promoción de vivenda e emprego, os servizos públicos e programas sociais, culturais e educativos e apoiar a todos os celectivos do concello que teñen un importante papel dinamizador

O Concello de Cervo presenta os seus orzamentos para o vindeiro ano, cunha contía global de 8.285.600 euros, que foron aprobados no pleno municipal celebrado este xoves. Trátase dun orzamento equilibrado e sustentable, elaborado sen necesidade de recorrer ao endebedamento nin incrementar a presión fiscal sobre os veciños e veciñas, incluso baixando impostos como o ICIO para a construción de vivenda e a implantación e ampliación de empresas do poligono industrial.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, subliñou que “estamos ante unhas contas realistas e responsables, que aseguran o mantemento e a mellora dos servizos públicos e que continúan priorizando o benestar da cidadanía”. Destacou ademais que o documento “reflicte un modelo de xestión sólido, transparente e comprometido cun Concello con débeda cero desde hai máis de tres anos e seguimos traballando para que siga sendo así".

Unha das claves do orzamento é o respaldo ao tecido asociativo e a prestación directa dos servizos municipais; apostando firmemente por continuar apoiando a entidades culturais, sociais e deportivas. “As asociacións son unha parte fundamental da vida do noso municipio, dinamizan Cervo e contribúen ao seu desenvolvemento; por iso seguiremos acompañándoas”, engadiu a rexedora.

Caramés incidiu en que o documento económico dá resposta ás prioridades marcadas polo Goberno local: atención ás familias, á mocidade, aos nosos maiores, e en definitiva a todos os colectivos do concello, cunha administración eficiente e centrada na calidade dos servizos públicos.

Dentro do plan de investimentos previsto para o ano destacan tres actuacións fundamentais, entre outras moitas previstas:

• A Renovación integral do Parque Isaac Díaz Pardo e Luis Seone, en Cervo e do parque infantil da Praza dos Campos, en San Ciprián.

Unha transformación completa destes espazos de encontro e lecer, que se converterán nun punto de referencia máis accesible, moderno e pensado para todas as idades.

• E a execución en canto empece o ano da nova estrada das Quintas.

Unha vía, entre O Paraño e a Rúa do Vilar, que supón un proxecto estratéxico para o futuro de Cervo. O obxectivo é convertela nunha variante que permita sacar o tráfico pesado do núcleo urbano, incrementando a seguridade dos peóns e mellorando a mobilidade en toda a vila.

Image removed.Esta actuación dará un impulso decisivo ao proxecto municipal de semipeatonalización do núcleo urbano, unha iniciativa ambiciosa que busca crear un centro máis amable, cómodo e seguro para a veciñanza e o comercio local.

“Este é un proxecto clave para transformar a mobilidade de Cervo e mellorar a vida de todas e todos”, así como os dous proxectos xa redactados para a mellora integral da Avenida da Mariña en San Ciprián e que está previsto que se aproben no segundo trimestre do ano, destacou a alcaldesa.

Image removed.Para concluír, Caramés destacou que “seguimos avanzando cara a un Cervo máis moderno, sostible e accesible, cunha xestión responsable, contas saneadas e mantendo un diálogo constante coa cidadanía. Queremos continuar medrando da man das familias e das entidades culturais, educativas e deportivas, sempre desde a transparencia e cun Concello dinámico e activo" .