O CONCELLO DE CERVO SERÁ O ESCENARIO DO II TRAIL A FUME DE CAROZO O SÁBADO 15 DE XUÑO
A cita deportiva está organizada polo Club local que dá nome ao evento coa colaboración do Concello de Cervo
Está prevista unha andaina de 13 quilómetros, un trail curto de 16 quilómetros, e outro de 25 quilómetros
A saída e a meta serán na Praza dos Campos, en San Ciprián
A inscrición poderase formalizar ata o 12 de xuño en www.ccnorte.com
O Concello de Cervo será o escenario do II Trail A Fume de Carozo o sábado, 15 de xuño, a partir das 10:00 horas.
A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, polos concelleiros Mali Méndez, e Alfredo Fernández, e por unha representación dos membros do club local A Fume de Carozo, en San Ciprián, onde se situará a saída e a meta do evento, en concreto na Praza dos Campos.
Tal e como explicaron desde a organización, haberá unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel aproximado de +300 metros, un trail de 16 quilómetros cun desnivel aproximado de +600 metros e un trail de 25 quilómetros cun desnivel aproximado de +1000 metros.
Nos trails tan só poderán participar as persoas maiores de 18 anos, pero a Andaina si que estará aberta para menores coa correspondente autorización do pai, nai ou titor/a.
Toda a información relativa ao evento e a inscrición está dispoñible a través da ligazón: Evento: II TRAIL A FUME DE CAROZO 2024 (San Ciprián) - Champion Chip Norte (ccnorte.com)
Todas as persoas inscritas recibirán un agasallo, e a inscrición inclúe seguro, avituallamento, dorsal e servizo de duchas.
En ámbolos dous trails haberá categorías absoluta (18-39 anos), veteranos A (40-49 anos) e veteranos B (de 50 anos en diante), tanto masculina como feminina; e haberá ademais un trofeo específico para o mellor clasificado e a mellor clasificada local.
Desde o Concello de Cervo animan a desfrutar desta proba que é ademais un escaparate turístico de primeira orde, que permitirá ás persoas participantes descubrir os atractivos do noso municipio, tanto da costa como do interior, desde outra perspectiva, facendo deporte ao tempo que poderán desfrutar de impresionantes vistas durante o traxecto tanto da costa Cantábrica como do propio pobo.