O GRUPO DE TEATRO LOCAL ARDORA REPRESENTARÁ “AIRE FRESCO” NO LOCAL SOCIAL DE LIEIRO ESTE DOMINGO 29 DE MARZO

Esta actividade cultural está organizada pola Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro e conta coa colaboración do Concello de Cervo.

O Concello de Cervo informa da representación da obra teatral Aire fresco, a cargo do grupo Ardora de San Ciprián, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de marzo, ás 19:00 horas, no Local Social de Lieiro. A entrada será libre ata completar aforo.

A presentación do evento contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez, así como de membros da Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro, que organiza a actividade, e do elenco da obra, e celebrouse no propio local social onde terá lugar a representación.

Aire fresco é unha comedia que, a través do humor, convida á reflexión sobre cuestións sociais de gran relevancia. A obra aborda como a crise da covid puxo de manifesto problemas comúns da vida cotiá que a miúdo pasan desapercibidos. En particular, fai fincapé na situación das persoas maiores, un dos colectivos máis vulnerables durante a pandemia, destacando a necesidade de prestarlles unha atención adecuada e recoñecer o papel fundamental que desempeñaron ao longo das súas vidas.

A alcaldesa quixo poñer en valor “o enorme talento local co que contamos no noso municipio, que se reflicte en propostas culturais de gran calidade como esta”. Ademais, destacou “o importante labor que desenvolven as asociacións veciñais, que contribúen de maneira decisiva a dinamizar a vida social e cultural das nosas parroquias”.

Neste sentido, subliñou tamén “o papel fundamental dos locais sociais como espazos de encontro, convivencia e actividade, que son clave para manter vivas as nosas comunidades”.

Esta actividade cultural está organizada pola Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro e conta coa colaboración do Concello de Cervo.

Desde o Concello anímase á veciñanza a asistir e gozar desta proposta teatral que combina entretemento e conciencia social.