OS NÚCLEOS DE TRASBAR, A SENRA E CASTELO XA CONTAN CON FIBRA ÓPTICA GRAZAS AO PLAN MUNICIPAL DE DESPLEGUE DO CONCELLO DE CERVO
O proxecto foi executado integramente con fondos propios , cun orzamento próximo aos 100.000 euros, anta a falta de investimento doutras administracións e das operadoras privadas
O Concello de Cervo vén de completar na súa totalidade o plan municipal de despregue de fibra óptica, acadando o obxectivo marcado desde o inicio: que non exista ningunha zona escura no municipio. Un compromiso adquirido coa veciñanza que hoxe pode darse por cumprido con feitos.
Tras meses de planificación, estudo técnico, escoita activa e seguimento continuo das necesidades da cidadanía, o goberno local culminou a conexión con fibra óptica da Senra, Castelo, Trasbar, e nalgún punto de San Román e Río Cobo –que carecían do servizo- garantindo unha conexión estable e de calidade en todas estas zonas con dificultades de conectividade. Todo isto foi posible grazas a un importante esforzo económico con fondos propios, ante a falta de resposta e investimento doutras administracións e da operadora privada que deixou sen servizo a varias áreas do municipio.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Adrián Arias, mantivo un encontro con representantes das asociacións que viñan demandando este servizo, co obxectivo de informar de primeira man sobre a finalización do despregue e detallar as actuacións realizadas. Na reunión participaron representantes da Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, da Senra; da Asociación de Montes Veciñais en Man Común Medela Rozada, de Castelo; así como da Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar e da Asociación de Montes do Burgo de Trasbar.
Desde o Concello quíxose agradecer expresamente o apoio, a colaboración e as demandas trasladadas por estas entidades en representación de toda a veciñanza. Tal e como se puxo de manifesto no encontro, “foi grazas ao traballo conxunto e á unión de forzas cando se formularon peticións claras para que o despregue se realizase como correspondía. Ante a falta de atención a esa solicitude conxunta por parte das empresas privadas de despregue de fibra e da Subdelegación do Goberno de España, o Concello de Cervo tomou a decisión de executar un despregue municipal propio para evitar que estes núcleos quedasen sen un servizo esencial”.
Durante a reunión, a rexedora quixo poñer en valor o traballo desenvolvido ao longo de todo este tempo, subliñando que “a conectividade é unha necesidade básica e unha prioridade absoluta para este goberno local”. Nese senso, lembrou que desde o primeiro momento o Concello estivo “encima do tema, analizando opcións técnicas, mantendo contactos coa veciñanza e buscando solucións viables”, mesmo ofrecendo alternativas temporais ás operadoras para minimizar os efectos do corte de servizo.
Así mesmo, a alcaldesa lamentou de xeito sereno que nalgúns casos non se tivese a paciencia suficiente para agardar a que o proxecto se materializase, e que se recorreran a comunicados e escritos por parte da oposición “cando o Concello xa estaba a traballar con seriedade e responsabilidade asumindo un despregue que non era competencia municipal suplindo así a deixadez doutra administración estatal”. Con todo, amosou comprensión polo malestar xerado, recoñecendo a importancia que ten hoxe en día contar cunha conexión estable para estudar, traballar ou desenvolver a vida diaria con normalidade.
O plan municipal incluíu investimentos próximos aos 100.000 euros en melloras e ampliación da rede en diferentes parroquias
Planificación técnica e diálogo coa veciñanza
Cómpre incidir en que este ambicioso plan naceu tras meses de escoita activa á veciñanza, que trasladou de maneira clara e continuada a necesidade vital de contar cun servizo de telecomunicacións digno, estable e acorde coa realidade do século XXI. O Concello tomou boa nota destas demandas e asumiu como unha prioridade darlles resposta, entendendo que a conectividade non é un luxo, senón unha ferramenta esencial.
Neste proceso, realizouse un estudo exhaustivo das coñecidas como zonas escuras, aquelas nas que a cobertura era inexistente ou insuficiente debido á decisión da operadora privada de deixar de prestar servizo nalgunhas áreas, o que agravou aínda máis a situación e fixo imprescindible buscar alternativas viables e eficaces para garantir a conexión. Así, o Concello analizou diferentes opcións técnicas para levar a fibra onde non chegaba.
Durante todo este tempo mantivéronse contactos continuos e un seguimento permanente coa veciñanza afectada, informando puntualmente dos avances, recollendo as súas necesidades e incorporando as súas achegas ao deseño final do plan. Grazas a esta colaboración constante, púidose priorizar e actuar con maior precisión en cada zona.
De feito, o proxecto técnico que sustenta todo este despregamento está redactado desde hai máis dun ano, e desde entón o Concello estivo a traballar de forma intensa para atopar a fórmula de financiamento máis axeitada, recorrendo finalmente a fondos propios ante a ausencia doutras vías de apoio institucional.
Hoxe, tras moitos meses de esforzo, coordinación e planificación, ese compromiso inicial faise realidade. O que comezou como unha demanda urxente da cidadanía converteuse nun plan estratéxico sólido que está transformando a conectividade no rural cervense e que sitúa ao municipio nunha posición máis moderna, máis preparada e cun futuro dixital moito máis prometedor, cunha conexión adaptada ás necesidades actuais.
Con estas actuacións, o Concello de Cervo dá por pechado un proceso complexo pero imprescindible, reducindo a fenda dixital e garantindo igualdade de oportunidades para toda a veciñanza, viva onde viva. “Dixémoslles que non ían quedar atrás, e hoxe podemos dicir que cumprimos. En Cervo xa non hai zonas escuras”, concluíu a alcaldesa.