VOLVE O SANCI TAPEANDO, A PROPOSTA DA HOSTALERÍA DE SAN CIPRIÁN PARA TODOS OS XOVES

A iniciativa gastronómica, que regresa a partir deste xoves, 16 de outubro, conta coa participación da Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar OFaro, Terraza O Noso Lar e Bodega De Ana, coa colaboración do Concello de Cervo.

A hostalería de San Ciprián volve poñerse en modo tapeo coa iniciativa “Sanci Tapeando”, que regresará a partir deste xoves, 16 de outubro, ofrecendo unha nova oportunidade para gozar da gastronomía local a un prezo accesible e nun ambiente de proximidade.

Esta proposta gastronómica, que conta coa colaboración do Concello de Cervo, reúne nesta edición aos establecementos Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar O Faro, Terraza O Noso Lar e Bodega De Ana.

A presentación tivo lugar na Casa da Cultura e contou coa presenza da rexedora Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez, e dunha representación dos locais participantes.

Durante todos os xoves, cada establecemento ofrecerá unha tapa diferente e elaborada, ao prezo único de 2,5 euros. Ademais, as persoas que se acheguen a degustar as propostas poderán participar nun sorteo de dous vales, de 200 e 100 euros, para consumir nos locais adheridos á iniciativa.

TAPAS DESTE PRIMEIRO XOVES, 16 DE OUTUBRO

  • Cervecería A Penúltima: solombo en salsa de castañas

  • Cervecería Las Titas: timbal de gulas

  • Bar Maruxaina: mexillóns á mariñeira

  • Bar O Faro: tosta castelá

  • Terraza O Noso Lar: hamburguesa de tenreira con queixo San Simón e cebola caramelizada

  • Bodega De Ana: ovos rotos

As persoas interesadas poden seguir semana a semana todas as tapas e novidades da ruta gastronómica a través da conta de Facebook “Sanci Tapeando”.

Dende o Concello de Cervo anímase á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición do Sanci Tapeando, unha excelente mostra da calidade culinaria e da vitalidade da hostalería local.