O CONCELLO DE CERVO ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR PARA ALUMNOS DE INFANTIL DO CEIP DE CERVO
- As familias teñen ata o 31 de xullo para presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello
O Concello de Cervo abre o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de material escolar para as familias do alumnado de infantil do CEIP de Cervo. A convocatoria permanecerá aberta ata o 31 de xullo.
Tal e como sinalou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “o fin desta liña de axudas é o de compensar a aquelas familias que polas súas condicións socioeconómicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da adquisición de material escolar”.
O rexedor apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de 4000 euros para estas axudas e cada alumno recibirá un máximo de 130 euros, en función da renda familiar”.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio. A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello.
Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais ou consultar o Boletín Oficial da Provincia, do sábado 1 de xullo.
http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_16454_1.pdf#page=2