O CONCELLO DE CERVO INICIA UNHA NOVA EDICIÓN DE ENREDOS DE VERÁN CON MÁIS DE 80 NENOS INSCRITOS

Haberá un circuíto de educación viaria, unha semana adicada á seguridade, outra ao medio ambiente, xogos acuáticos e todo tipo de actividades ao aire libre

O Concello de Cervo iniciou esta semana unha nova edición dos Enredos de Verán con máis de 80 nenos e nenas inscritos.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado da edil de Cultura e Educación, Dolores García Caramés, estivo hoxe cun grupo de rapaces que estaban a recibir unha clase práctica de Skate ao aire libre, en San Ciprián.

É unha das actividades que conforman un completo programa que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto, dirixido a rapaces de entre 3 a 12 anos.

Entre elas destaca unha semana adicada á seguridade, na que poderán ver en primeira persoa as ferramentas de traballo dos corpos e forzas de seguridade e recibirán clases prácticas nesta materia. Estre as actividades deseñadas, haberá unha xornada na que os pequenos poderán acceder ao barco da Garda Civil, que se desprazará ata San Ciprián. Ademais, os membros de protección civil impartirán un obradoiro de primeiros auxilios.

Tamén se levará a cabo un circuíto de educación viaria, e haberá todo tipo de xogos e deportes acuáticos como surf, paddle surf, kaiaks ou unha ginkana na auga; ademais de diferentes obradoiros e actividades ao aire libre durante estes dous meses.

Ademais, tamén haberá unha semana adicada a sensibilización ambiental, programada dende a delegación de Medio Ambiente que dirixe Manuela Méndez, coa que se pretende incidir na concienciación e no respecto á contorna a través de diferentes actividades pensadas para os máis pequenos.

O rexedor suliñou que “con esta ampla programación tentamos cumprir dous obxectivos, por unha banda facerlle aos nenos o verán máis atractivo e ameno, cunha oferta lúdico-deportiva variada e completa; ao tempo que lles brindamos ás familias unha ferramenta de conciliación nestes meses estivais”.