O CONCELLO DE CERVO CONVIDOU Á VALEDORA DO POBO A VISITAR A LOCALIDADE E A ESCOITAR Á VECIÑANZA NUN ENCONTRO ABERTO QUE TERÁ LUGAR ESTE XOVES NA CASA DO MAR DE SAN CIPRIÁN

O rexedor e a Corporación recibirán a Milagros Otero ao mediodía no Concello, e xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, a valedora atenderá as preguntas, queixas ou suxestións dos veciños e veciñas que así o desexen

Villares apuntou que o obxectivo deste encontro pasa tamén por contribuír a visibilizar o papel desta institución entre a cidadanía

O Concello de Cervo convidou á Valedora do Pobo a visitar a localidade e a escoitar á veciñanza do municipio.

A data fixada para este encontro é este xoves 20, de setembro, no auditorio da Casa do Mar de San Ciprián.

A mediodía, o rexedor e a Corporación municipal recibirán a Milagros Otero no Consistorio; e xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, os veciños e veciñas de Cervo que así o desexen poderán achegarse ata a Casa do Mar onde a Valedora atenderá as súas preguntas, queixas ou suxestións.

Desde o Concello de Cervo convidan  así á veciñanza e ao tecido asociativo do municipio a que participen neste acto aberto e baseado na transparencia e na independencia, “co que tamén pretendemos contribuír a visibilizar e dar a coñecer esta institución entre a cidadanía”, apuntou Villares.