AS MELLORAS NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DE RÍO COBO BENEFICIARÁN A CASE 400 VECIÑOS E VECIÑAS
No día de hoxe tivo lugar o acto de entrega da obra, que supuxo un investimento de preto de 200.000 euros, froito dun convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia
- Villares apuntou que se se detecta algún desaxuste na presión “é debido a que se están a facer estes días as adaptacións pertinentes para garantir que a forza da auga sexa a que corresponde a cada zona”

O alcalde de Servo, Alfonso Villares e o edil de Obras, Plácido Pérez, achegáronse este mediodía ata a urbanización de Río Cobo, onde se reuniron con varios técnicos de Augas de Galicia, que fixeron a entrega da obra de mellora da rede de abastecemento de auga desta urbanización que se executou nos últimos meses.
A actuación supuxo un investimento de preto de 200.000 euros (198.796 euros concretamente); froitodun convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da Xunta de Galicia, “a quen lle temos que agradecer a disposición destes fondos para levar a cabo unha obra tan importante que beneficiará a case 400 veciños e veciñas desta zona”, precisou Villares.
O rexedor puntualizou “que se a día de hoxe a veciñanza detecta algún desaxuste na presión da auga, isto é debido a que se están a facer as adaptacións pertinentes para garantir que o caudal e a forza da auga sexan os que corresponden a cada zona e a cada domicilio”.
Villares explicou os detalles técnicos da actuación, consistente na substitución da rede de canalización de auga, executada con materiais obsoletos que provocaban cuantiosas fugas, por unha nova de polietileno de alta densidade.
Ademais, as canalizacións colocáronse en aneis pechados, o que garante que ante calquera rotura, ningunha vivenda quede desabastecida de auga; ao tempo que tamén se incide no aspecto sanitario, porque a circulación da auga serácontinua, evitando estancamentos na rede.
Ademais -engadiu o rexedor- tamén se aproveitou a obra para instalar bocas de rego para facilitar a actuación dos servizos de emerxencia ante calquera circunstacia que se poida producir.