O CONCELLO DE CERVO SOLICÍTALLE AO MINISTERIO DE FOMENTO QUE REFORCE A SEGURIDADE NA INTERSECCIÓN DE RÍO COBO, NA N-642
Os vehículos que utilizan a vía de servizo de incorporación á Nacional vense sorprendidos en moitas ocasións por coches a gran velocidade que utilizan este ramal como carril de adiantamento; unha manobra que pode resultar perigosa e provocar situacións de risco
Unha posible solución sería a instalación de bandas redutoras que obriguen a aminorar a marcha neste punto

O Concello de Cervo vén de solicitarlle ao Ministerio de Fomento o reforzo da seguridade na intersección de Río Cobo, no punto quilométrico 52 da N-642, a ámbolos dous sentidos da circulación.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, estiveron esta mañá na zona con efectivos da Policía Local, analizando o problema e valorando posibles solucións.
Tal e como explicou Villares “trátase dun punto moi conflitivo no que se producen, a miúdo, situacións de risco; xa que os vehículos que utilizan a vía de servizo de incorporación á Nacional, tras facer o stop regulamentario, vense sorprendidos diariamente por coches a gran velocidade que utilizan este ramal como carril de adiantamento, para sortear os vehículos que circulan con normalidade por esta vía principal; unha manobra que resulta perigosa e que pode provocar accidentes”.
O rexedor precisou que esta é unha demanda que parte tamén de moitos veciños, de moitos condutores, que se puxeron en contacto con nós para facernos chegar esta reivindicación; e agora, unha vez trasladada a petición a Fomento, “do que se trata é de buscar unha solución efectiva o antes posible, como podería ser, por exemplo, a instalación de bandas redutoras que obriguen a aminorar a marcha neste punto, co fin de garantir a seguridade e reducir o risco de accidente”.