O CONCELLO DE CERVO NON EMITIRÁ RECIBOS ÁS PERSOAS USUARIAS DAQUELES SERVIZOS MUNICIPAIS QUE NON SE ESTEAN PRESTANDO A CAUSA DO COVID-19
Desde o 15 de marzo non se cobrarán as taxas da Escola Infantil Municipal, das Escolas Deportivas Municipais e da Piscina Municipal, que correspondan a este período de cese obrigado da prestación destas actividades
Os locais con terraza tamén estarán exentos de abonar o canon por ocupación destes espazos públicos, ata que poidan normalizar a súa actividade
A Administración local determinou flexibilizar o pago de todos os servizos municipais; así a veciñanza terá a posibilidade de aprazalo ata en catro meses, sen ningún tipo de recargo
O Concello de Cervo non emitirá recibos ás persoas usuarias daqueles servizos municipais que non se estean prestando a causa do coronavirus.
Deste xeito, desde o 15 de marzo non se cobrarán as taxas da Escola Infantil Municipal, das Escolas Deportivas Municipais e da Piscina Municipal que correspondan a este período de cese obrigado da actividade.
Así mesmo, outra das medidas que se adoptou é a eliminación da taxa de terraza desde ese mesmo 15 de marzo e ata que estes negocios poidan normalizar a súa actividade.
Ademais, aprobouse a flexibilización do pago dos canons de todos os servizos municipais que se prestan de xeito directo. Deste xeito, a veciñanza terá a posibilidade de aprazalo ata en catro meses, sen ningún tipo de recargo, e sen ter que comunicalo en dependencias municipais.