O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UN CURSO DE 'RÉCORD' DAS ESCOLAS DEPORTIVAS INFANTÍS
Participaron máis dun cento de nenos e nenas entre as modalidades de patinaxe artística, voleibol, ximnasia rítimica e multideporte
A exhibición de patinaxe e o VI torneo de volei Concello de Cervo puxeron punto e final esta fin de semana a un curso excepcional
O 6 de xuño terá lugar lugar ademais unha xornada de portas abertas de ximnasia rítmica a partir das 16:30 horas no pavillón da Veiga

O Concello de Cervo despide esta fin de semana unha “tempada de récord” das Escolas Deportivas Muncipais que contaron coa participación de máis dun cento de nenos e nenas nas modalidades de voleibol, patinaxe artística, ximnasia rítmica e multideporte, tal e como apuntou o edil de Deportes, David Rodríguez.
O concelleiro amosouse moi satisfeito pola acollida que tiveron todas as actividades ofertadas “logo de dous anos moi difíciles” nos que a pandemia nos fixo mudar os nosos hábitos de vida, “pero é unha ledicia ver como pouco a pouco a práctica do deporte en grupo se vai normalizando de novo”, con todos os beneficios que aporta a nivel físico e mental desde a infancia.
Para clausurar a tempada, o Concello de Cervo, a través da delegación de Deportes, organizou unha serie de eventos e actividades, para que os pequenos/as amosen as habilidades adquiridas nestes meses.
Así, este venres tivo lugar a clásica exhibición de patinaxe na que participaron unha vintena de mozas que amosaron no pavillón do CEIP de Cervo a súa destreza sobre os patíns; e xa este sábado está a ter lugar o VI Torneo de Volei Concello de Cervo no que compiten desde as 10:00 horas o EDM Cervo, o A.D. Xiria Volei de Carballo e o Narón Volea, nas categorías alevín, cadete, xuvenil e sénior.
Rodríguez recordou o “boom” que tivo o volei durante este curso “no que conformamos un grupo de medio cento de nenos e nenas capitaneados polos monitores Román e Álvaro, que souberon contaxiarlles a súa paixón por este deporte”.
Xa o próximo 6 de xuño terá lugar unha xornada de portas abertas de ximnasia rítmica a partir das 16:30 horas no Pavillón da Veiga na que tamén participarán os/as pequenos/as que asisten a multideporte.
En cada un dos actos o edil de Deportes, David Rodríguez, entrega un diploma personalizado a cada alumno/a que formou parte das Escolas Deportivas Municipais nesta tempada; o diploma é ao mesmo tempo un vale para recoller un agasallo a partir do 6 de xuño na Casa da Cultura.
