Igrexa de Rúa

En Rúa atopamos a súa igrexa nun outeiro central do val que foi un castro, ao carón dun castiñeiro centenario. Destaca pola súa arquitectura simple e barroca e o seu trazado orixinal do século XI, así como o seu pórtico e campanario do século XVIII.

No seu interior garda a súa maior beleza: un retablo de estilo Rococó cunha fermosa policromía de imaxes de excelente calidade, propio de fins do século XVIII. A súa patroa, a Candelaria -peza popular do século XVI-, porta orgullosa o seu Neno no colo, rodeada dun San Miguel de finísima talla, ameazante a un demo negro. A Virxe do Rosario ofrece agarimosa ese remedio; e nos altares laterais, un do século XVI e outro do XVIII, con santos con devoción entre as súas xentes. No lateral, contra o cemiterio, unha porta renacentista recentemente descuberta.

Destacar a magnífica talla do San Miguel que se atopa na parte esquerda do altar maior e a María Magdalena do altar lateral da dereita.